Arrancan as proxeccións para maiores dos centros de día do FICBUEU

Bueu
23 de setembro 2016

A vindeira semana continúan estas actividades con nenos hospitalizados no Álvaro Cunqueiro

Presentación da área social do FicBueu
Presentación da área social do FicBueu / FicBueu

A Área Social do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (Pontevedra), bota a andar este venres con proxeccións para persoas maiores usuarias dos dous centros de día da vila, Anduriña e Pescadoira.

A actividade desenvolverase a partir das 17 horas neste último co pase de ‘Dúas letras’, curtametraxe dirixida por Eloy Varela que en 2011 gañou o Premio do Público do FICBUEU. Fina Casalderrey é a guionista desta historia, protagonizada por unha anciá á que interpreta a nai da escritora. Tras o visionado, abrirase un debate cos asistentes.

O centro de día Pescadoira acollerá as proxeccións o penúltimo venres de cada mes durante medio ano, mentres que nos seis meses restantes ata a vindeira edición do festival desprazarase ao Anduriña. As curtas proxectadas adáptanse ás características sociodemográficas dos usuarios e compleméntanse con actividades para traballar a memoria, estimular a imaxinación e reflexionar sobre experiencias vividas ou feitos de actualidade. Os fins terapéuticos mestúranse así cos de entretemento.

Os últimos venres do mes, co próximo día 30 como data de inicio, os nenos ingresados acudirán na Unidade de Pediatría do Álvaro Cunqueiro (Vigo) a unha sesión de curtametraxes axeitadas para a súa idade. Escolleranse cintas que transmitan valores e actitudes positivas, que rachen coa rutina de pacientes e familiares. Persoal do hospital e especialistas en cinema guiarán as sesións, nas que se estimulará a participación.

A terceira liña de actuación desta nova área, que se activa para para contribuír ao desenvolvemento social e cultural da contorna, fomentando valores coma o respecto, a igualdade e a solidariedade, materializarase nun obradoiro cinematográfico que terá lugar no centro da Asociación Juan XIII (Cangas). Os participantes pasarán polas fases de guión, produción, rodaxe, etc. para realizar a súa propia curtametraxe, que se exhibirá no FICBUEU 2017. O obxectivo é apoiar o desenvolvemento integral das persoas con discapacidade intelectual, favorecendo as súas habilidades psicomotrices, creativas e comunicativas, ao tempo que se promove a inclusión social e laboral.