"A poesía é a arte de poñer a palabra ao servizo do espírito", así abría o seu discurso Carmen Fouces, concelleira de Cultura do Concello, o Festival Internacional de Poesía de Pontevedra, que inaugurou a súa oitava edición no Teatro Principal.
Encomiou o labor dos poetas, encargados de " axudarnos a camiñar polo terreal". A inauguración do festival proseguiu con recitais da man de Manuel Rivas, Filipa Leal, Elías Portela e María Xosé Queizán.
Durante toda a fin de semana, os días 20, 21 e 22 de abril, o festival, coa dirección da escritora Yolanda Castaño, conta cun amplo programa repleto de recitais, obradoiros e encontros 'poéticos' con algúns dos artistas máis importantes do panorama nacional e internacional, aos que se poderá acudir gratuitamente.
A maioría dos recitais terán lugar no Teatro Principal, pero tamén noutros espazos, como a proxección devideopoesía de Aurélia Lassaque no pub 'El Pequeño Karma' ás 22:30 horas deste venres, e o domingo pecharase o festival cun Obradoiro de poesía na Casa da Luz, impartido por Juan Carlos Mestre.