A Biblioteca do IES Sánchez Cantón ofrece unha exposición bibliográfica e visual sobre a figura e a obra da escritora pontevedresa Fina Casalderrey.
A acádemica da RAG foi mestra de parte do alumnado do IES. Estudantes deste centro tamén colaboraron con Fina Casalderrey no seu proxecto musical Lingua Guapa na que estableceron unha relación moi próxima.
Desde a Biblioteca do instituto quere tamén destacar o perfil humano e literario da escritora e mostrar o seu apoio á súa candidatura ao premio Hans Christian Andersen de literatura infantil e xuvenil. Tamén se suma á homenaxe prevista para este sábado 10 'A escritora na súa terra' da AELG.
Na exposición destacan os fondos literarios da biblioteca escritos pola autora; un retrato seu realizado por unha alumna de cuarto curso de ESO; unha decoración variada e alegre baseada nos títulos e personaxes das súas novelas, carteis como o deseñado en lettering por unha alumna de terceiro da ESO e audios en podcast, creado por alumnas de cuarto da ESO e que se poden escoitar no blogue da biblioteca 'Novas Mesturas'.
O club de lectura do Sánchez Cantón tamén se suma a esta homenaxe e comezará as súas sesións lectoras coa lectura e comentario previo de fragmentos das obras da escritora.