'Apego', 'A Galipedia' e dous profesores, gañadores dos premios Xoan Manuel Pintos

Pontevedra
01 de marzo 2018

Estes galardóns encárganse de premiar a persoas, empresas e entidades que realicen unha labor de normalización lingüística e promoción da lingua galega na cidade de Pontevedra, así como en toda Galicia.

Francisco Freire, Vitoria Ogando e Anxo González nas Conversas de PontevedraViva Radio
Francisco Freire, Vitoria Ogando e Anxo González nas Conversas de PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

Este xoves 1 de marzo coñecéronse os nomes dos gañadores dos premios Xoan Manuel Pintos, que como cada ano entreganse a aquelas persoas, empresas ou entidades que realcen a presenza da lingua galega na cidade de Pontevedra e en Galicia en xeral.

Na categoría de promoción de actividades que implicasen o espallamento da lingua durante os últimos dous anos a proposta gañadora foi o programa 'Apego', polo seu labor en normalización lingüística e pola súa presenza en máis de 10 concellos de toda a comunidade, chegando a máis de 1.5 millóns de persoas de toda Galicia.

Na categoría de espallamento e normalización da lingua galega ao longo da traxectoria profesional ou vital, o galardón foi para Vitoria Ogando e Anxo González Guerra, profesores recentemente xubilados do IES Valle-Inclán e do IES Sánchez Cantón respectivamente, que son os xestores da páxina ogalego.eu, unha ferramenta para a inclusión da lingua galega nos ámbitos da educación primaria e secundaria.

A terceira categoría, incluída por primeira vez este ano, estivo aberta a votación pública dos cidadáns, que escolleron que o gañador fora 'A Galipedia', o proxecto de traducción da Wikipedia ao galego que fai 15 anos este 2018.

Os membros do xurado alababan a escolla destes tres premiados, asegurando que traballan en tres ámbitos que loitan polo orgullo da lingua galega e a súa difusión. Os vencedores nas tres categorías foron notificados polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, e a entrega de premios se realizará nun acto previsto para o vindeiro 15 de marzo no Pazo de Mugartegui de Pontevedra.