Antonio José triunfa na Festa do Lacón con Grelos de Cuntis

Umia
03 de marzo 2024

Un milleiro de persoas encheron a carpa habilitada na Rúa Pedro Campos para presenciar a actuación do célebre artista cordobés

Concerto de Antonio José
Concerto de Antonio José / Concello de Cuntis
Un milleiro de persoas encheron a carpa habilitada na Rúa Pedro Campos para presenciar a actuación do célebre artista cordobés.
 
Este concerto de Antonio José é un dos puntos principais da programación da Festa do Lacón con Grelos que se celebra durante esta fin de semana en Cuntis. 
 
O alcalde Manuel Campos salienta que ata a vila termal achegáronse asistentes das catro provincias de Galicia, así como de Asturias, León ou Zaragoza para gozar deste evento musical. Estes desprazamentos incidiron moi positivamente na actividade económica local, xa que as casas rurais e os establecementos hostaleiros traballaron a pleno rendemento durante este sábado.
 
O concerto foi de balde, grazas á aparición dun patrocinador. A toda a xente que pagara a súa entrada na plataforma woutick.es procedeuse a devolverlles o importe.
 
DÍA GRANDE DO LACÓN CON GRELOS

A Festa do Lacón con Grelos vive este domingo a súa xornada grande coa Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional de Cuntis e o desfile da Asociación Cigarrón de Verín e a súa banda de Gaitas. As 12.15 horas terá lugar o pregón do humorista e actor Pepo Suevos.

Nesta xornada tamén vai abrirse a XVI edición de 'A camelia no Lacón con grelos' a exposición 'Un baño de mel', na Praza de Abastos; a de 'Cerámica de Castrolandín' e a XIV Mostra de Encaixe das palilleiras. Tamén actúa a Charanga "Los Támega".

Pola tarde haberá atraccións e a actuación infantil de Peter Punk; a animación do Dúo Background e, ás 19.30 horas, o velorio e posterior enterro do Chapante.