O escritor Antonio García Teijeiro será este martes o protagonista da programación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Con motivo da conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, o salón programou diferentes actividades específicas entre as que cabe destacar a homenaxe ao profesor, escritor e crítico de literatura infantil.
A homenaxe realizarase ás 18.30 horas, durante a representación de 'Po e Xía', un espectáculo de balde para público familiar. Contará coa presencia do mesmo e por parte de Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), Xavier Senín e David Otero, que procederán á lectura do Manifesto IBBY.
O espectáculo, deseñado en exclusiva para o salón por María Lado, Lucía Aldao e música do Seminario Permanente de Jazz, quere homenaxear a todos os autores que coas súas obras converten a infancia nun territorio especial e único e contará.
A obra terá tamén pases matinais este martes e o mécores ás 11.30 horas concertados con preto de 500 escolares cada día.
De cara ao resto da programación, o salón ten en conta ao público adulto, que poderá gozar ás 20.30 horas no Sexto Edificio do Museo e de balde, do espectáculo poético – musical 'Cría fama e bótate a correr'. Nel, María Lado e Lucía Aldao reflexionan sobre as virtudes e as baixezas da fama. Reinvéntanse a si mesmas mesturando poesía, música en directo e humor.
Este xoves, ás 21.00 horas, no Teatro Principal Sarabela Teatro representa 'Celebración', con Fina Calleja, Nate Borrajo, Sabela Gago, Elena Seijo e Fernando Dacosta. A venda anticipa de entradas está dispoñible ata o mércores ás 19.30 horas na Casa da Luz e o propio xoves do espectáculo, unha hora antes, no Teatro Principal. Terán un prezo único de 3 euros.