Antón Pulido fala da emoción artística na segunda das conferencias de 'Conversas con arte'

Pontevedra
15 de maio 2024

O pintor e xestor cultural nado na parroquia ourensá de Amoeiro no ano​ 1944 ofrecía este martes un relatorio no Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra dentro do ciclo con grandes figuras artísticas vencelladas a Pontevedra

Antón Pulido en 'Conversas con Arte' na Deputación
Antón Pulido en 'Conversas con Arte' na Deputación / Deputación de Pontevedra - Rafa Estévez

O pintor, gravador e xestor cultural Antón Pulido participaba este martes na segunda conferencia que se inclúe no ciclo 'Conversas con arte' no Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra.

O artista nado na parroquia ourensá de Amoeiro no ano 1944 falou da emoción artística nun acto presentado polo crítico de arte Antón Castro.

Durante a sesión proxectáronse algunhas das obras máis representativas de Pulido Novoa, que leva máis de corenta anos residindo na cidade de Vigo.

Licenciado en Belas Artes pola Escola Superior de San Jordi, na especialidade de pintura e gravado, conta cunha ampla traxectoria internacional.

O seu estilo da década dos 60 era o expresionismo cun sinal propio. Posteriormente viuse influído por Matisse e xa nos oitenta traballa a paisaxe para pasar á xeometría espacial na última década do século XX.

Entre os premios obtidos garda o da Crítica de Galicia en Artes Plásticas e o Trasalba a toda unha vida dedicada á arte.

Durante o encontro se trataba, entre outros temas, os sentimentos relacionados coa arte e a presenza da Intelixencia Artificial nas creacións.

As plataformas Youtube e Spotify recollerán a conferencia de Antón Pulido para aquelas persoas que non tivesen a oportunidade de acudir este martes ao Pazo Provincial.

'Conversas con arte', proposta do vicepresidente provincial Rafa Domínguez, iniciábase en abril cunha conferencia de José María Barreiro e terá continuidade en próximos meses con outras figuras da arte en Galicia e vinculadas á provincia de Pontevedra.