Antía Yáñez, gañadora do XIX Premio Johan Carballeira de Xornalismo

Bueu
04 de maio 2022

O xurado destacou a crónica xornalística da escritora de Burela titulada ‘A saúde mental en Galicia, en bragas’, publicada na revista Luzes, por vencellar o persoal e o político. O escrito parte dunha vivencia propia na que se recollen opinións de profesionais e doutros doentes de forma fluída

Xurado do Premio Johan Carballeira de Xornalismo 2022
Xurado do Premio Johan Carballeira de Xornalismo 2022 / Concello de Bueu

Nas últimas horas coñecíase o nome da persoa vencedora da edición XIX do Premio Johan Carballeira de Xornalismo que convoca no Concello de Bueu. Neste 2022 a escritora gañadora é Antía Yáñezpola súa crónica 'A saúde mental en Galicia, en bragas', un texto publicado na revista Luzes.

A esta convocatoria presentáronse 16 obras. O xurado reunido o 3 de maio, Día Mundial da Liberdade de Prensa, estivo formado polas xornalistas Cláudia Morán Mato, Marta Veiga Izaguirre (gañadora da pasada edición), e Manuel A. Mosteiro, en representación da Asociación de Amigos de Johan Carballeira.

O xurado destaca a vinculación entre o persoal e o político que se ofrece neste texto, que parte dunha vivencia propia recollendo opinións de profesionais sanitarios e outros pacientes "de forma fluída". A acta do tribunal tamén valora que se visibilicen as enfermidades mentais, de urxente atención e agravadas pola pandemia, e da problemática que supón enfrontarse a un profesional diferente cada vez que se abre a porta da consulta.

O premio está dotado con 1.500 euros. Este  certame é unha homenaxe ao político, poeta e xornalista  bueués José Gómez de la Cueva, coñecido como Johan Carballeira, que exerceu como alcalde de Bueu ata que foi asasinado polos franquistas. Hai unha semana coñecíase ao gañadora da categoría de poesía, premio que recaeu no poeta Miguel Sande.

Antía Yáñez é natural de Burela e conta cunha notable traxectoria como escritora coa publicación de obras para público infantil e xuvenil como, entre outras, 'O misterio do torque de Burela' ou 'Plan de rescate'. Para público adulto destaca polo seu recente traballo'Non penses  nun elefante rosa', no que trata o Trastorno Obsesivo Compulsivo desde unha perspectiva humorística. A autora vencedora do certame xornalístico tamén é enxeñeira e xestiona unha academia en Cecebre, ademais de organizar talleres literarios.