Xuntar boa parte do novo talento musical do país. Ese é o espírito do concerto #CulturgalSon15, o que será un dos grandes espectáculos que ofrecerá este ano a feira Culturgal, que se celebrará en Pontevedra entre os días 24 e 27 de novembro.
Na noite do sábado 26, o Culturgal converterase nun auténtico festival. A partir das oito da tarde, o público poderá gozar de catro propostas musicais rebordantes de enerxía e talento.
Así, para celebrar os 15 anos da feira, Antía Muíño, Néboa, Berto e Grande Amore ofrecerán un espectáculo que aunará electrónica, pop e tradición, mostrando a diversidade da música galega de hoxe nunha sesión única e singular.
Co seu proxecto en solitario Antía Muíño está a converterse nun fenómeno. O seu tema Carta aberta ten mais de 900.000 reproducións contabilizadas en Spotify. Compostelá residente en Donosti, forma parte dalgúns proxectos de jazz como o trío Arnela e xa pasou por festivais tan prestixiosos como o Jazzaldia.
A súa formación como guitarrista clásica e a súa proximidade ao jazz vocal, á música tradicional e ás cancións populares, fan da súa proposta unha das grandes sorpresas do ano, que mereceu o Premio Martín Códax da Música 2022 como Artista Emerxente.
Tamén a banda Néboa triunfou este ano nos Martín Códax co galardón na categoría Pop e Indie coa súa proposta baseada no coñecemento da música alternativa e a sensibilidade pola instrumentación da música tradicional.
En 2020, co seu primeiro LP, A realidade enganosa acadaron o galardón ao mellor álbum en galego nos Premios MIN 2021. En 2022 están a xirar presentando o EP Fósforo, no que contan coas colaboracións da cantante portuguesa Sús e de Antía Ameixeiras.
O proxecto Berto nace en decembro de 2021 da man de Alberto Mira, músico e compositor pontevedrés, que xa alterara o panorama musical galego co grupo Verto.
En marzo de 2022 Berto publica Bailar Chikito, un EP en colaboración coa cantante Marinha, onde explora una mestura entre o pop, a música electrónica, o trap e o techno. Chega a Culturgal tras presentar o tema Bágoas de cocodrilo, un avance do que será o seu novo disco.
O peche do concerto #CulturgalSon15 virá da man de Grande Amore, un proxecto tan exitoso como sorprendente, cargado de personalidade e galardoado nos Martín Códax deste ano na categoría de Electrónica.
Grande Amore soa macarra e tenro, rabiosamente humorístico e, ao mesmo tempo, vulnerable na súa desesperación existencial, algo que plasma con mestría no seu primeiro tema, Esta pena que a veces teño.
O #CulturgalSon15 é unha proposta da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) para esta edición especial de Culturgal. As entradas sairán á venda o próximo xoves 27 de outubro.