Xa hai data para poder ver nas salas de cine a película Antes de nós, na que a directora Ángeles Huerta quixo plasmar os anos mozos de Castelao e que, entre outras localidades moi vinculadas ao intelectual galego, se gravou na cidade de Pontevedra.
A súa estrea será o venres 23 de maio, segundo anunciaron este mércores os seus responsables. Iso si, un día antes, este filme protagonizado polo actor Xoán Fórneas e a actriz Cris Iglesias abrirá a vixésimo segunda edición do emblemático Festival de Cans.
Antes de nós, na que tamén participan Nancho Novo e Miquel Insua, é un retrato íntimo e emocional de Castelao.
A historia centrarase en dous momentos clave da súa vida: o seu labor como médico durante a pandemia de gripe de 1918 e a viaxe a Bretaña en 1929 coa súa esposa, tras a dolorosa perda do seu fillo Chuchiño.
A directora recoñeceu que unha figura como a de Castelao sempre vai suscitar polémica e defendeu que o filme "é unha representación da Galicia que puido ser e non foi", ofrecendo unha mirada "moi feminina, feminista e diferente" á que se verteu sempre sobre o autor.
"Non é un biopic, é unha historia sobre Castelao antes de ser Castelao. Porque sen esta parte do relato, o Castelao que hoxe coñecemos probablemente nunca existiría", engadiu Huerta.
A actriz Cris Iglesias, que participou na presentación do Festival de Cans en Santiago, apuntou que a película supón para ela "un antes e despois como actriz e fai xustiza ao contar o relato xusto dunha muller que quedou silenciada, como é Virxinia Pereira".
Ademais do centro histórico de Pontevedra, no que Castelao viviu e traballou durante os anos nos que transcorre a película, Antes de nós rodouse tamén nas localidades de Rianxo, A Estrada, Santiago de Compostela ou Muros.
Xunto coa estrea de Antes de nós, a homenaxe do festival a Castelao polos 75 anos do seu falecemento, tamén inclúe o seu cartel, creado por Rei Zentolo e que está inspirado nas pequenas ilustracions que Castelao fixo para as cabeceiras da revista Nós.