Un dos galegos máis universais dará o salto ao cinema. A vida de Castelao será levada á gran pantalla pola directora Ángeles Huerta (O corpo aberto). Será coa película Antes de Nós, que se gravará en diversas localizacións de Galicia durante todo o mes de setembro.
O actor lucense Xoán Fórneas (Acacias 38, La línea invisible) será o encargado de dar vida ao escritor e intelectual galeguista. El estará á fronte dun elenco formada por Cris Iglesias, Nancho Novo, Xoel Fernández, Miquel Insua, Sergio Zearreta, Isabel Vallejo ou Adrián Ríos.
Antes de Nós, que está a cargo da produtora Zenit TV e Retrincos A.I.E., rodarase en Rianxo ou Pontevedra, lugares elixidos pola súa relevancia na vida de Castelao; ademais de Santiago, Muros, Fisterra, Silleda ou Negreira, onde se reproducirán os escenarios nos que viviu.
A película, segundo os seus responsables, non será unha biografía convencional, senón que buscará comprender "como era Castelao, profundando nas súas emocións e nas circunstancias históricas que moldearon a figura que todos coñecemos hoxe".
Así, a historia centrarase en dous episodios cruciais: o seu exercicio como médico en Rianxo durante a gran gripe de 1918 e a viaxe que realizou a Bretaña en 1929, acompañado da súa esposa Virxinia, tras a tráxica perda do seu único fillo, Chuchiño, aos catorce anos.
Antes de Nós, que terá á fronte da dirección executiva á produtora Zaza Ceballos e que conta con guión de Pepe Coira estrearase en cinemas, previsiblemente, en 2025.