A Escola de Letras regresa con forza. Tras unha primeira edición que, a pesar de estar marcada pola pandemia, tivo un éxito indiscutible, esta iniciativa literaria renóvase con dúas novas incorporacións ao seu claustro: a escritora Anna R. Figueiredo e a poeta Elvira Ribeiro.
Así o desvelou este venres o director da Escola de Letras, Francisco Castro, que explicou que neste segundo ano de actividade "subimos o nivel de especialización". Fronte a talleres "máis xeralistas", nesta ocasión "iremos matizando moito máis", avanzou.
As dúas novas 'profesoras' sumaranse aos autores que repiten con respecto a 2020: Inma López Silva, Antonio García Teijeiro e Diego Giráldez. Serán, por tanto, tres mulleres e dous homes, o que ratifica o espírito "feminista" desta escola, segundo os seus responsables.
Haberá actividades todo o ano, detallou Francisco Castro, cunha programación "moi ambiciosa" que arrancará os meses de marzo, abril e maio co obradoiro de iniciación á creación literaria que se celebrará en Vigo e en Pontevedra.
Inma López Silva repetirá como responsable deste curso "básico" que, segundo Castro, mantense na Escola das Letras porque, a pesar de apostar por unha maior especialización, "ofrecemos ano tras ano para que os novos participantes inicien a súa formación".
O obradoiro de poesía que imparte Antonio García Teijeiro celebrarase en xuño. Será en Pontevedra, despois de organizarse en Vigo o ano pasado.
Sobre o proceso de escritura dunha primeira novela virará o taller que conducirá Anna R. Figueiredo en Vigo, durante os meses de setembro, outubro e novembro. Desde a Escola de Letras están convencidos de que "terá moito éxito pola novidade".
Outubro e novembro, neste caso en Pontevedra, serán os meses nos que se desenvolva o obradoiro de escritura creativa do escritor Diego Giráldez. E xa en decembro será Elvira Ribeiro, co seu rexistro poético "experimental", quen imparta un un curso en Pontevedra.
A toda esta programación uniranse as 'masterclass' con autores e autoras de éxito e que seguirán sendo abertas a toda a cidadanía.
Francisco Castro explicou que a "guinda" a esta Escola de Letras será o libro que reunirá relatos e poemas dos participantes na súa primeira edición. "*É un aliciente estupendo", subliñou, porque esta obra venderase nos circuítos comerciais "como un libro máis" do catálogo da editorial Galaxia, impulsora desta iniciativa.
Na presentación desta segunda edición da Escola de Letras, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, celebrou que esta iniciativa que " naceu como un soño" fixérase realidade cunha "inmensa participación" no seu primeiro ano.
Este tipo de ideas, segundo Silva, contribúen a que a provincia de Pontevedra "sexa diferente" e que "siga sendo o centro do pulo cultural" en Galicia.
O "éxito absoluto" desta iniciativa demostra, engadiu a presidenta, que a xente "demanda cultura" e que buscan actividades alternativas ao "consumismo e o materialismo", despois de que este sector fora unha "fiestra cara a liberdade e a imaxinación" durante o confinamento.