O Salón do Libro volve apostar polo talento internacional. A artista venezolana Susana Suniaga, fincada en Pontevedra desde hai anos, será a autora do cartel da vixésimo primeira edición deste evento cultural. A súa proposta foi a elixida polo xurado do concurso que, por terceiro ano consecutivo, se organiza para buscar a súa imaxe.
O traballo, escollido entre 126 propostas de quince países -principalmente europeos e de América Latina, aínda que tamén houbo representacións de Irán ou India-, será a imaxe do próximo Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que se celebrará do 6 o 27 de marzo de 2020. A súa temática será o humor e Italia será o país invitado.
Susana Suniaga, que participara nas anteriores convocatorias quedando finalista, foi alumna do mestrado de Libro Ilustrado e Animación Audiovisual da Facultade de Belas Artes.
O xurado destacou do seu traballo a forte personalidade e a calidade estética e técnica, así como o xeito no que mesturou o libro e humor mediante o imaxinario simbólico.
A autora achegou no momento de presentar orixinal gañador un texto explicativo no que apunta que "ao pensar no humor non puiden evitar trasladarme á miña infancia para lembrar momentos de risa, esa xenuína e autentica que saía ao ver libros ou debuxos animados cheos de animais humanizados interpretando roles determinados para facer rir".
Así, os animais deste cartel personifican un momento de xogo, complicidade, risas, alegría e outras características propias do humor que aparece cando se conxugan estes elementos.
Os finalistas que formarán parte do almanaque do Salón, xunto coa gañadora, pertencen a Sofía Venzel (Rusia), aos galegos Bea Gregores, Fernando Tomé Castro e Francisco Pérez Villanueva, aos cataláns Kim Amate, Andrés Cañal e Anna Font, aos arxentinos Florencia Rodríguez e Paula Ventimiglia e a Bea Lozano (Salamanca).