Animación stop-motion, arte e experimentación científica, obradoiros para docentes no Salón do Libro

Pontevedra
02 de febreiro 2015

Estes cursos terán lugar na derradeira semana da cita coa lectura, do 23 ao 27 de marzo, coa colaboración do Centro de Formación de Profesorado de Pontevedra, Cefore. Todos os cursos teñen unha duración de dez horas

Obradoiro de decoración de galletas con 'Megatoxos' de Anxo Fariña no Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2014
Obradoiro de decoración de galletas con 'Megatoxos' de Anxo Fariña no Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2014 / Mónica Patxot

O XVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra recupera este ano os seus obradoiros exclusivos para docentes coas propostas ⿿Animamos a lectura⿿, ⿿Ciencia nos contos⿿ e ⿿Arte e ciencia: unha relación bidireccional⿿, que terán lugar na derradeira semana da cita coa lectura, do 23 ao 27 de marzo, coa colaboración do Centro de Formación de Profesorado de Pontevedra, Cefore. Todos os cursos teñen unha duración de dez horas.

O director de animación Ze Carlos Pinto, de OQO Filmes, estará a cargo do obradoiro ⿿Animamos a lectura⿿, que ten un aforo máximo de vinte docentes de Educación Infantil e Primaria e que está pensado para achegar aos profesionais da ensinanza os coñecementos necesarios para a creación dunha curtametraxe en stop-motion. O seminario será útil para a iniciación á lectura a través do medio audiovisual e levará ao desenvolvemento dun proxecto, dende a idea inicial ata a posprodución pasando pola creación dos personaxes e os escenarios. 

O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e a editora pontevedresa OQO, a través de Luisa Martínez e Eva Mejuto, respectivamente, están detrás do obradoiro ⿿Ciencia nos contos⿿, no que os docentes participarán en actividades experimentais sinxelas que lles servirán para achegar a ciencia ao alumnado e sempre dende unha perspectiva crítica. No curso, con 30 prazas, traballarase con contos de tradición oral á vez que se ofrecen aplicacións científicas que axudarán aos rapaces a entender os fenómenos que teñen lugar na vida diaria.

Pola súa banda, a química e divulgadora científica Deborah García Bello encargarase do obradoiro ⿿Arte e ciencia: unha relación bidireccional⿿, que ofrece 25 prazas e no que fará un percorrido pola Historia da Arte e a súa relación cos diferentes avances científicos.

Os asistentes poderán coñecer o segredo da perdurabilidade das primeiras obras de arte e os distintos tipos de pintura utilizados ao longo do tempo, así como a innovación aportada por artistas como Klein, que, a través dun grupo de farmacéuticos, creou o coñecido como ⿿azul de Klein⿿, logrado cun aglutinante que confería á pintura un aspecto de pigmento puro.

Os docentes de Educación Infantil e Primaria interesados en inscribirse nos obradoiros deben facelo a través da plataforma instalada na web do Cefore. O prazo remata cando se cubran todas a prazas dispoñibles.