Ángela Banzas: "Os silencios e a ironía están no noso ADN. Forman parte da alma galega"

Pontevedra
11 de setembro 2022

A desaparición dunha adolescente, que sacode a pequena localidade de Illa de Cruces -unha illa ficticia inspirada na Illa de Arousa- é o punto de partida de La conjura de la niebla, a nova novela da escritora galega Ángela Banzas. "Quería que se respirase que esta novela é moi galega", afirma nesta entrevista con PontevedraViva

Ángela Banzas coa súa segunda novela, 'La conjura de la niebla'
Ángela Banzas coa súa segunda novela, 'La conjura de la niebla' / EFE/ Xoán Rey

A desaparición dunha adolescente, que sacode a pequena localidade de Illa de Cruces -unha illa ficticia inspirada na Illa de Arousa- é o punto de partida de La conjura de la niebla, a nova novela da escritora galega Ángela Banzas (Santiago de Compostela, 1982).

A xuíza Elena Neira, inmersa en resolver un branqueo de capitais no que parecen estar implicados moitos dos habitantes da illa, asume a instrución do caso, ignorando que ese suceso está conectado coa desaparición da súa tía trinta anos atrás.

Tras éxito de El silencio de las olas, regresa cunha vibrante historia na que crimes, intrigas e segredos familiares conviven con crenzas e supersticiones populares, baixo o pano de fondo da ría de Arousa.

"Quería que se respirase que esta novela é moi galega", afirma Banzas nesta entrevista con PontevedraViva, en plena xira de presentación por Galicia. É a súa primeira incursión na novela negra. "Eu o que quería era probarme e goceino moitísimo", asegura.

Dis ao final do libro que esta historia xorde por mor dunha anécdota, podemos saber cal?

Foi un comentario de sobremesa sobre como nalgunhas rías aos nenos asustábanos coa Santa Compaña e que cando se ía a luz era porque estaban a facer descargas. Esa mestura entre as lendas cunha realidade máis escura, o narcotráfico dos anos 90, prendeu a faísca.

E a partir de aí todo é ficción. Ou non?

Todo é ficción, si. A illa de Cruces, na que está ambientada, non existe. Aínda que queda claro que está inspirada na Illa de Arousa. Mesmo na illa de Cortegada, que sería a parte máis natural dos escenarios da historia, o Souto Vello, onde ocorren os crimes.

Tiñas clara esa localización para esta historia?

Eu son unha namorada absoluta das Rías Baixas desde nena. Neste caso, quixen recoller a esencia de todo O Salnés e mesturalo coas tradicións, con aspectos da cultura popular que por desgraza están a perderse e que as novas xeracións descoñecen por completo.

Elena Neira, a protagonista da novela, é unha xuíza á que, sen sabelo, rodéanlle demasiados segredos. Como foi darlle vida?

Gocei moitísimo con ela. É un personaxe con moito carácter e determinación, a pesar de que a súa infancia non foi moi halagüeña por circunstancias da súa nai e a súa avoa. Que todo iso utilizárao ao seu favor, quedándose na súa terra para impartir xustiza, é admirable.

Podería ser, no futuro, a protagonista dunha saga?

Nesta novela hai varios personaxes que teñen moita forza e Elena, sen dúbida, podería ser a capitá dunha saga. Iso terán que confirmalo os lectores e tamén os editores.

Sei que é un pouco recorrente facer esta reflexión, pero nesta novela non cres que a paisaxe é un personaxe máis?

Completamente. O clima e a paisaxe afecta á forma de ser da xente, á maneira que se enfrontan aos avatares do seu día a día ou ás súas relacións persoais. Axudoume a caracterizar os personaxes e a trama. Foi como un lenzo, ao que fun engadido ou restando cor en función do que demandaba cada momento. 

Unha parte central desta historia son eses silencios, tan característicos da realidade galega, o hermetismo que hai en pequenas comunidades...

Na nosa forma de ser, na alma galega, manexámonos moi ben cos silencios, coa ironía. Está no noso ADN. Quería que nesta novela se notase e se respirase que é moi galega e que os personaxes fosen 100% galegos.

E a illa de Cruces, como a propia Illa de Arousa, estivo ata hai 30 anos sen conexión directa co resto do continente. Se iso inflúe a toda Galicia co resto do país, imaxina o que pode chegar a influír a unha illa así.

E todo iso relacionado coas tradicións, coas lendas. Era un tema que querías abordar?

Apaixonábame tocalo porque é algo que fóra de Galicia parece anecdótico, pero aquí témolo moi presente desde a infancia. Curandeiros, meigas, compoñedoras, o mal de ollo... Crecemos con iso. Eu quería que estivese presente porque forma parte da nosa cultura popular..

Con todos estes ingredientes estamos ante unha historia na que (case) ninguén é branco ou negro. Todos teñen matices. Incluída Elena...

Todos teñen os seus matices. Trato de destacar o positivo e o negativo de cada personaxe, pero deixándoos actuar. É como un reflexo da propia realidade. Todos temos grises. Só que nas novelas hai que subliñar e acentuar todo un pouco máis para que sexa efectivo no lector.

Sénteste cómoda neste xénero de novela negra?

É un xénero que me gusta. Agora, os lectores serán os que teñan que dicir se lles gusta como o fago. Eu o que quería era probarme e goceino moitísimo. Tentei dar o mellor de min, confiando en que lle guste aos demais. A min gustoume moito a experiencia.

Agora te enfrontas á ardua tarefa de promocionar La conjura de la niebla pero tes xa algo en mente para o futuro?

Levo xa meses traballando noutra novela, pero non podo falar dela. Quizá estea lista para editala o ano que vén. Veremos.