A cantante e actriz Andrea Pousa foi este sábado una das protagonistas indiscutibles do Culturgal, a Feira das Industrias Musicais de Galicia, ao presentar no auditorio do Pazo da Cultura o seu novo disco, o primeiro en solitario, 'Respirar'.
A artista presentou un espectáculo adaptado para o Culturgal e fixo un percorrido por este primeiro album editado pola compañía Queiman e Pousa, fundada por ela mesma e Bruxo Queimán no ano 2014 e que destaca polo seu compromiso coa cultura atlántica.
O público pontevedrés puido gozar de temas de diversos estilos e unha mestura de lirismo, tradición, cultura popular e vangarda en tres idiomas: galego, castelán e portugués. O disco tamén inclúe unha versión do famoso poema de Rosalía de Castro Negra Sombra.
Andrea Pousa demostrou sobre o escenario do Culturgal os seus máis de 15 anos de experiencia musical e os resultados de máis de dez anos de formación en canto e interpretación e o seu paso polo grupo vocal feminino vigués de arte creativa 'Sueño de Calíope'.
Este domingo volven abrir as portas do Culturgal. Aquí está toda a programación, para non perder detalle da variada oferta.