Os concertos de jazz na Praza da Ferrería continúan vento en popa coa súa programación. E este venres chegou a quenda para que unha das artistas de jazz con maior proxección internacional se subise ao escenario.
Trátase da catalá Andrea Motis, cantante, compositora, trompetista e saxofonista, que ten encandeados aos amantes do jazz e fixo vibrar a todos os pontevedreses que compareceron diante do escenario para gozar da súa música e, en especial do seu novo proxecto autoeditado: 'Loopholes'.
A través del, Motis, acompañada por Christoph Mallinger (violín, mandolina e guitarra), Laurent Coulondre (teclados), Steph Kondert (baixo eléctrico) e Miquel Asensio (batería), explorou e mesturou sonoridades que sempre estiveron entre as súas preferencias e influencias musicais máis recoñecidas como o funk, jazz electrónico e neo-soul.
Andrea Motis canta desde os tres anos e comezou a súa formación musical aos sete na Escola de Música de Sant Andreu, en Barcelona. Aos once xa tocaba na Sant Andreu Jazz Band e, aos doce, empezou a colaborar co seu mentor e descubridor artístico, o mestre saxofonista Joan Chamorro.
Protagonizou a película documental 'A filme about kids and music' e, aos catorce anos, gravou o seu primeiro disco chamado 'Standards, Joan Chamorro presenta Andrea Motis'. A este seguíronlle 'Feeling Good', 'Emotional Dance', 'Do outro lado do azul', 'Emotional Dance', 'Colors & Shadows' e 'Loopholes'.
Ao longo da súa carreira colaborou con lendarios artistas como Quincy Jones, Omara Portuondo, Milton Nascimento, Gil Goldstein, Scott Hamilton ou Yo-Yo Ma. Ademais, subiuse aos escenarios máis significativos do jazz mundial como o Tokyo Jazz Festival, Jazz at Lincoln Center de Nova York, Jazz à Vienne, Blue Note Japan, Auditorio Nacional de Música de Madrid, Festival de Jazz de Barcelona ou o Palau da Música de Barcelona.
A programación do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra continuará este sábado coa actuación da baixista Ida Nielsen.