Andaina, concerto ilustrado e visitas escolares para lembrar o paso de Lorca por Pontevedra

Pontevedra
08 de novembro 2023

O Museo de Pontevedra celebra a quinta Semana Lorquiana a partir do martes 14 ata o sábado 18 de novembro. A programación recolle visitas con contacontos concertadas con centros escolares e actividades dirixidas ao público adulto

Federico García Lorca
Federico García Lorca

Chega a quinta edición da Semana Lorquiana ao Museo de Pontevedra con diversas actividades relacionadas á figura do poeta granadino Federico García Lorca e á súa vinculación coa cidade de Pontevedra.

A programación desenvolverase entre o martes 14 e o sábado 18 de novembro. O día 14 xa se iniciarán as visitas con contacontos, unha proposta concertada cos centros escolares que se estenderá ata o día 17 con sesións orais para escolares. Polo Correo do Vento ofrecerá narracións para o público infantil facendo referencia á presenza da obra do autor de 'Poeta en Nueva York' nos fondos do Museo pontevedrés.

O público adulto contará cun concerto ilustrado o mércores 15, a partir das 19.00 horas, no Edificio Castelao. Baixo o título 'Federico García Lorca, poeta galego' ofrécese un espectáculo narrativo, musical e con ilustracións sobre o tempo que o escritor pasou en Galicia. Marcelo Dobode, Víctor Movilla, Tania Solla, Antón Ke e tamén Polo Correo do Vento participarán nesta montaxe.

O sábado 18 de novembro desenvolverase a andaina pola cidade destinada a público adulto. Comezará ás 12.00 horas no Edificio Castelao e para participar nesta actividade gratuíta é preciso inscribirse no correo electrónico: polocorreodovento@hotmail.com

Lorca visitou Galicia en tres ocasións. Dúas destas estancias foron no ano 1932 e nas dúas ocasións pasou pola cidade de Pontevedra, nunha delas co grupo teatral La Barraca e, na outra, con responsables de revístaa Cristal exercendo de anfitrións. 

O poeta referente da xeración do 27 creaba 'Seis poemas galegos' como consecuencia das súas viaxes e en Pontevedra escribía un soneto que se inicia co verso "Yo sé que mi perfil será tranquilo".