Ana Villegas ilustrará o Salón do Libro tras gañar o seu concurso internacional

Pontevedra
09 de novembro 2017

Un traballo que supón unha acertada representación da temática do Salón. É o principal motivo polo que o xurado do I Concurso Internacional de Ilustración do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra elixiu a proposta presentada pola ilustradora viguesa Ana Villegas

Cartel gañador do concurso de ilustración do Salón do Libro
Cartel gañador do concurso de ilustración do Salón do Libro / Ana Villegas

Un traballo que supón unha acertada representación da temática do Salón. É o principal motivo polo que o xurado do I Concurso Internacional de Ilustración do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra elixiu a proposta presentada pola ilustradora viguesa Ana Villegas.

O traballo -escollido entre 234 propostas- será a imaxe da XIX edición do Salón que se celebrará do 6 ao 29 de abril baixo a temática Mulleres de Conto.

Houbo traballos chegados de toda Galicia e do resto do Estado, de distintos países Latinoamérica, de Europa -Francia, Italia ou Rusia- e ata de Irán.

Á hora de escoller o traballo de Ana Villegas o xurado destacou o mosaico que protagoniza a imaxe, "que amosa a diversidade das mulleres de conto, mulleres famosas e anónimas, que viven e gozan arredor da lectura". Destacou tamén "a harmonía da composición, a estética limpa e ordenada e a axeitada composición en consonancia coa gráfica" do cartel.

Ademais da imaxe gañadora, o xurado votou 12 finalistas. Con todos elas farase unha exposición durante o Salón e ademais a área de Cultura da Deputación de Pontevedra editará un catálogo en forma de calendario do libro e da lectura 2018.

Os autores dos proxectos finalistas son Sofìa Venzel (con dúas propostas), Rocío Alejandro, Susana Suniaga, Diana Sofía Zapata, Inge Nouws, Pablo Balzo, Cristian Turdera, Tiiu Kitsik, Adolfo Serra, Yolanda Mosquera e Camila Zaza.