Continúa desenvolvéndose BDra GRÁFICA, o Festival de Banda deseñada de Pontevedra, na sala multiusos do Teatro Principal e no Museo de Pontevedra, despois de que este venres se realizara o acto de entrega do premio a toda unha carreira á autora Ana Miralles (Madrid, 1959), unha das creadoras de cómic de maior proxección internacional, que se consagrou no mercado francés con obras de corte fantástico como Eva Medusa e a serie Djinn.
As persoas que acudan ao festival teñen a oportunidade de realizar un percorrido sobre a súa traxectoria e o seu proceso creativo comprobando a evolución desde o cómic underground ao fantástico, pasando polo erotismo.
Este sábado, a autora pontevedresa Eli Garcíapresentaba a edición en galego que aparecerá publicada en abril de 'O grande aviario'. A ilustradora formouse en O Garaxe Hermético e este traballo, publicado por Antela Editora, será a súa primeira obra longa como autora completa.
A mesma editorial tamén anunciou a publicación doutra autora galega, María Brenn, que creou un traballo para escolares baixo o título 'Ula e Vinca'.
O domingo será a xornada na que participará cunha charla o prestixioso ilustrador galego Miguelanxo Prado, premio Nacional de Cómic 2014. Será ás 12.15 horas no Teatro Principal.
Ademais, Kiko da Silva, editor de Retranca Editora, anunciará durante a tarde a publicación en galego por primeira vez no mes de maio de 'Cando sopra o vento', de Raymond Briggs, unha obra clásica que leva máis de catro décadas descatalogada en España.