Ampla programación para un Salón do Libro que chega cargado de cine e literatura

Pontevedra
11 de marzo 2025

Este domingo 16 de marzo, a Banda de Música de Pontevedra inaugura as actividades co espectáculo "Contos de película!" no Teatro Principal de Pontevedra, nunha edición que ofrecerá unha mellora na accesibilidade e na inclusión

Presentación do programa do Salón do Libro 2025
Presentación do programa do Salón do Libro 2025 / PontevedraViva

O concelleiro de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez, presentou este martes os detalles da próxima edición do Salón do Libro 2025, que terá o seu punto de partida durante o domingo 16 de marzo no Teatro Principal.

Gómez acompañado pola mascota do evento, o lobo Orbil, lembrou que o Salón está consolidado como un dos eventos culturais máis importantes de Galicia, ampliando a súa programación e espazos para acoller a un público cada vez máis diverso e participativo. 

O crecemento do Salón do Libro foi tan notable que este ano vai espallarse tamén máis alá do Pazo da Cultura e o Recinto Feiral chegando a outros espazos da cidade como a Libraría Paz, o Verbena Bar, o Mercado e o Pazo de Mugartegui.

Este aumento de espazo permitiu unha programación máis ambiciosa, segundo o concelleiro, con máis de 300 actividades, das cales 150 están dirixidas ao público xeral pola tarde e outras 150 reservadas para centros educativos pola mañá. En total, participarán 27 centros de infantil e primaria e 10 de secundaria.

Un dos principais esforzos desta edición foi mellorar a accesibilidade e a inclusión.

O salón contará con lingua de signos na inauguración, clausura e nalgúns espectáculos, así como libros adaptados e información en Braille. Ademais, incorporáronse auriculares para a redución de ruído, un recanto tranquilo para persoas que precisen descansar e un espazo de lactancia no primeiro andar.

Tamén se destacou na presentación a colaboración con entidades como o Secretariado Xitano, Juan XXIII, TDAH SalnésBata e Down Pontevedra, entre outras, para garantir que todas as persoas, independentemente das súas necesidades, poidan disfrutar do evento en igualdade de condicións.

A programación deste ano destaca pola súa diversidade e pola aposta en actividades para todas as idades, incluíndo público adulto.

Para os máis pequenos, hai contacontosespectáculos e visitas guiadas, mentres que para os adultos se recuperaron actividades como faladoiros VIP con autores como Ledicia Costas e Consuelo Vercherobradoiros de danza bretoa e catas de viños en Mugartegui.

Ademais, o salón inclúe actividades interxeracionais, como os "Contos da Revolución", que van desde Xosé Neira Vilas ata Brassens, organizados en colaboración coa asociación A Pedreira.

Francia é o país invitado desta edición, cunha programación específica que inclúe actividades deseñadas por persoas francesas e bretoas residentes en Galicia.

A asociación Breizh Galiza xogará un papel clave nestas actividades, reforzando os lazos históricos entre Galicia e Bretaña. Entre as propostas neste punto destaca o recital poético 'Soirée de poésie' con Elisabete Oliveira, Tamara Andrés e Macamen Alonso.

Para garantir unha experiencia máis cómoda, o salón realizou melloras loxísticas significativas, como a ampliación do espazo de merendas, a reubicación do escenario principal e a optimización das circulacións.

Ademais, este ano o Recinto Feiral contará cun set de gravación para películas de piratas, unha biblioteca con máis de 4.000 libros en varios idiomas e exposicións sobre cine e literatura.

O Salón do Libro coincidirá cun eclipse solar e celebrará os 130 anos da primeira proxección cinematográfica do cinema realizada polos irmáns Lumière

. Entre os eventos máis esperados, segundo destacou o concelleiro, están a representación de "Os Miserables" polo IES Illa de Ons de Bueu, a presenza da serie de animación en galego "Bibopalula" e as actuacións de estudantes do Conservatorio de Música Manuel Quiroga, do Coro García Limeses e da Banda de Música de Pontevedra. Ademais, o 26 de marzo celebrarase "Ponte nas Ondas" e o 30 de marzo terá lugar a tradicional Troca de Libros.

Estreas e actividades destacadas

  • Domingo 16 de marzo: A Banda de Música de Pontevedra inaugura o salón co espectáculo "Contos de película!" no Teatro Principal de Pontevedra, con acceso libre ata completar aforo.

  • Venres 21 de marzo: Celébrase o Día da Poesía e a Narración Oral coa estrea do espectáculo de inauguración "Luces, cámara, acción... que vén o Salón!", dirixido por Manuel Albariñas e con participación de varios grupos locais. O evento contará con lingua de signos e será no Auditorio do Pazo da Cultura.

  • Sábado 22 de marzo: Destacan as actividades para bebés, como a estrea de "A historia de Lumecú" de Percubebés. Nesta xornada tamén se celebran obradoiros de videoxogos e cociña francesa. Ademais, a ilustradora Laura Mahía estará no Recanto Bibopalula para debuxar cos asistentes.

  • Domingo 23 de marzo: Celébrase o Día do Eclipse cunha programación especial que inclúe a estrea do espectáculo "Pitiminí" para bebés e o obradoiro "Universos imaxinados" de Taller Abierto.

  • Venres 28 de marzo: A noite estará marcada polo musical "Miserábeis", interpretado pola comunidade educativa do IES Illa de Ons de Bueu, e a cata de viños franceses no Pazo de Mugartegui.

  • Domingo 20 de marzo: o espectáculo 'Luppo', dentro da xira de despedida da compañía pontevedresa Baobab Teatro.

  • Sábado 5 de abril: A cociña e o cine únense no obradoiro "Galletas imperiais Brave", mentres que o espectáculo de clausura "Un Salón de aluCine" pechará o evento coa participación de Rock Lab e a Orquestra Infantil da Sinfónica de Pontevedra.

Demetrio Gómez e o Lobo Orbil
Demetrio Gómez e o Lobo OrbilConcello de Pontevedra

EXPOSICIÓNS

O Salón do Libro 2025 contará cunha ampla oferta de exposicións, entre as que destacan:

  • Universo Chaplin: Unha mostra da ilustradora Nuria Díaz sobre o mundo de Charles Chaplin.

  • A Rebelión da Lectura: Unha exposición baseada no álbum ilustrado de Fran Alonso e Chus Rojo.

  • Espazo Lumière: Un recanto dedicado a Francia e á celebración do 130 aniversario do cinema.

VENDA DE ENTRADAS

As entradas para as actividades con custo xa están dispoñibles na billeteira electrónica www.ataquilla.com.

Para as sesións dirixidas a bebés, é necesario reservar as prazas en www.salondolibro.gal  e efectuar o pagamento de maneira presencial o día do evento.

Demetrio Gómez destacou que o obxectivo do Salón do Libro é "seguir sendo nenos e nenas durante toda a nosa vida" con catorce espectáculos en estrea absoluta e unha programación que abrangue propostas para todas as idades.

O programa completo está dispoñible na páxina web do Salón do Libro a partir das 17:00 horas deste martes 11.