Alumnado dos colexios de Cerdedo-Cotobade, A Lama e Fornelos, celebrarán conxuntamente o Día do Libro

A Lama
22 de abril 2024

Haberá actividades de animación á lectura, xogos, contacontos e a actuación de Cé Orquestra Pantasma

Un profesor mostra ao alumnado o cartel do primeiro Encontro Escolar "Letras na Praza"
Un profesor mostra ao alumnado o cartel do primeiro Encontro Escolar "Letras na Praza" / Concello da Lama

O CEIP da Lama conmemora o Día do Libro organizando o primeiro Encontro Escolar "Letras na Praza", que terá lugar o vindeiro mércores 24 de abril na Alameda da Lama e no que participarán uns 250 estudiantes de Infantil e Primaria dos colexios de Fornelos de Montes, Carballedo (Cerdedo-Cotobade) e A Lama así como os seus mestres e as familias convidadas. 

Tamén terá un papel destacado os membros da ANPA Cal do Vergazo que prestarán o seu apoio loxístico para contribuir ao éxito deste encontro escolar e cultural.

Esta iniciativa, impulsada polo equipo docente do CEIP da Lama, que dirixe Rafael Sánchez-Agustino, conta coa colaboración do Concello da Lama e pretende ser unha actividade participativa onde toda a comunidade escolar sexa protagonista do evento de animación á lectura a través da colocación de casetas de intercambio de libros, contacontos, espazos para a creatividade, a Biblioteca Municipal, entre outros.

Ás 10:30 horas está prevista a recepción dos participantes que chegarán en autobús ás inmediacións da Alameda da Lama e serán recibidos polo equipo docente e organizador deste evento dándolles paso ao recinto da praza pública pechada onde vai ter lugar a actividade.

O alumnado disporá de diferentes postos con actividades de lecer e animación á lectura. Así no "Troca que troca" os participantes poderán deixar o seu libro que será canxeado por un vale que poderán empregar para conseguir un novo libro para amplir a súa biblioteca particular.

No posto de "Cóntoche un conto" os nenos poderán mergullarse nunha viaxe imaxinativa a través das páxinas de "Un libro", de Hervé Tullet, onde o alumnado de 4º curso de Primaria ofrecerá un emocionante contacontos que van querer escoitar máis veces.

A seguir estará o posto "Escornamos!" para aqueles nenos aos que lle gusten os desafíos e a Literatura. Nesta aventura literaria os participantes contarán cos "Escornabots", uns robots feitos no CEIP da Lama que actuarán como aliados da rapazada nesta actividade.

A estimulación da creatividade tamén estará moi presente na Praza das Letras co posto "Ti que les?" onde a cativada poderán escribir e decorar os seus libros favoritos con ilustracións que poderán colorear ao seu gusto. Ademais poderán explorar o seu lado máis artístico en "Aquí quedaches!" onde transformando simples follas en obras de arte personalizadas facilitarase tamén a interacción con nenos doutros centros educativos promovendo a socialización dos asistentes.

Outros elementos de interese estarán no posto "Damos a chapa" onde cada neno poderá levarse unha chapa personalizada e deseñada por eles mesmos ou coñecer o funcionamento dunha impresora 3D para facer chaveiros orixinais.

O posto da librería ambulante da "Tía Ni" e o da Biblioteca, a OMIX da Lama e Radio Nova, que fará un programa en directo desde a "Praza das Letras", completan a oferta lúdica e formativa con que o CEIP da Lama pretende estimular entre os cativos o interese pola lectura ao tempo que se promoven encontros intercentros escolares da comarca do Verdugo-Oitavén.