O escritor pontevedrés Manel Loureiro convertíase este luns en referencia literaria para o alumnado do CEIP de Tenorio en Cerdedo-Cotobade nun encontro organizado para conmemorar o Día do Libro.
O autor de 'El último pasajero', 'La ladrona de huesos' o 'La puerta' explicou aos estudantes a súa carreira profesional relatando como despois de licenciarse en Dereito traballou como avogado. Nos seus intres libres comezou a escribir historias nun blog da internet onde publicou 'Apocalipsis Z', unha novela de zombis que transcorre en escenarios das Rías Baixas.
O escritor lembrou que na primeira semana só líanlle dez persoas pero, en pouco tempo, alcanzou máis dun millón de lectores. Desta maneira foi logrando fama e publicando novos traballos que o levaron a asinar coa editorial Planeta.
"Todos estamos programados para escoitar e contar historias", apuntou Loureiro ao alumnado aconsellando que se algún quería dedicarse á literatura mesture a combinación entre o autor de mapa, cunha trama prevista, e o autor de compás, que se deixa levar pola improvación.
Os estudantes mostraron moito interese pola súa obra e, en especial, por 'La Puerta', novela que se inspira na Porta do Alén, situada na Serra do Cando. Manel Loureiro recoñeceu que descubriu o lugar "por casualidade porque me perdín polo monte dando unha volta en quad. As candeas e as notas escritas metidas nas gretas das pedras leváronme a investigar que pasaba nese lugar".
Ao acto, promovido polo Concello de Cerdedo-Cotobade, achegábase tamén o alcalde Jorge Cubela para felicitar ao escritor e agradecer que a maioría das tramas das súas obras, traducidas xa a máis de vinte idiomas, estean ambientadas en lugares da comarca pontevedresa.