Alonso Montero presenta a Filgueira Valverde como un intelectual que "traballou dende dentro do Réxime erosionando a ditadura de Franco"

Pontevedra
16 de abril 2015

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, presentou este xoves na Galería Sargadelos de Pontevedra, o seu último libro "Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual"

Presentación do libro "Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual"
Presentación do libro "Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual" / Diego Torrado

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, presentou este xoves na Galería Sargadelos de Pontevedra, o seu último libro "Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual", unha obra que achega ao lector á figura de "o noso último polígrafo" de quen asegura foi "ao seu xeito" dende 1942 ata a súa morte un "obreiro da causa galega".

Alonso Montero estivo acompañado do fillo do "vello profesor" e presidente da Fundación Filgueira, Fernando Filgueira, e do editor Manuel Bragado.

O autor asumiu a tarefa de sintetizar en trescentas páxinas todos os períodos da prolífica e polifacética vida de Filgueira cos seus estudos, libros ou traballos sobre literatura, historia, prehistoria, arte, arqueoloxía ou folclore musical entre outros campos, ademais da súa traxectoria pública en diferentes institucións, "sen facer omisións", puntualizou.

Alonso Montero aborda na súa biografía a etapa franquista, asegurando que Filgueira "traballou dende dentro do Réxime erosionando a ditadura de Franco" e comentou a súa propia experiencia persoal neste sentido, cando en 1956 para opositar a unha cátedra asinou un certificado de adhesión aos principios de Falange, "eu asinei iso e non estaba de acordo", asegurou. "Mesmo os meus fillos tiveron que facer a Primeira Comuñón" dixo o presidente da RAG, que se define a se mesmo como "republicano, marxista e ateo".

Outro polémico episodio da vida de Filgueira que aborda no seu libro é o seu abandono do Partido Galeguista, no momento en que se coaliga con partidos da Fronte Popular, formacións laicas e marxistas que o seu fervor católico e conciencia conservadora non admite.

Aínda así, Alonso Montero destaca que cando no plebiscito da Autonomía de xuño do 36 Filgueira vota se, igual que Castelao ou Alexandre Bóveda, pero dende a formación de dereita galeguista que el creou. Por iso Alonso Montero fai súas as palabras de Bóveda definindo o polígrafo como "un obreiro da causa galega".

Arquivado en