A praza de Curros Enríquez acollía na tarde deste mércores 17 de maio o acto de homenaxe ao escritor Carlos Casares con motivo da celebración do Día dás Letras Galegas. O evento estaba organizado pola Asociación Sociocultural O Burgo e contou coa presenza do fillo do autor, o xornalista de La Voz de Galicia Christian Casares e representantes da corporación municipal co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores á cabeza.
O rexedor fixo referencia aos tempos actuais marcados pola globalización e destacou a necesidade de que non se relegue ao galego fronte a outras linguas que se tentan impoñer a través dunha "inercia depredadora". Por este motivo encomiou o traballo creativo e cosmopolita de Carlos Casares converténdose nun dos máis importantes autores do século XX na literatura galega.
"Queremos moitos Carlos Casares máis na nosa literatura. Queremos máis vida intelixente en galego, máis oportunidades para a nosa lingua, máis azos para a nosa cultura. Non nos renderemos, non", concluíu o alcalde de Pontevedra.
O acto contou coa presenza dunha alfombra floral realizada polos integrantes da asociación O Burgo. Cun recital de poesía e as actuacións da Coral de Sobradelo, de Vilagarcía de Arousa, e do Coro do Burgo, a homenaxe continuaba para finalizar coa Banda de Música de Pontevedra.