A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro Portela, daba a coñecer "unha das cousas que máis nos motiva cada ano": a imaxe que ilustrará a vindeira edición do Salón do Libro e a identidade da súa creadora, Alba Blanco.
Alba manifestou que "logo da ilusión inicial pola proposta de Anxos e Pilar veu o medo total ante a amplitude do tema ‘O mundo que queremos’ e a súa complexidade porque pode remitir a lugares común, tópicos e incluso frivolidades".
Tivo que tomar un tempo para aclarar as súas ideas, o que quería amosar e como abordalo. Un traballo que, como ben dixo Anxos, moitas veces non apreciamos. Optou por pensar cal é o mundo que ela quere e "aínda que haxa moitas cuestións que me preocupan como o patriarcado, a educación ou a violencia, a cuestión de base que temos que solucionar para ese mundo é a que nos sostén é a natureza. Debemos cambiar o rol e pasar nos a sostela a ela, tomar o relevo desa responsabilidade".
Unha illa na que convive vexetación e fauna de todo tipo, unha mestura armoniosa de ecosistemas foi o resultado máis que abraiante do seu traballo A illa, que "noutras culturas e mitoloxías simboliza un centro espiritual, de peregrinación ou representa a parte máis elevada do home, fai referencia tamén á función individual de responsabilidade. Cada un co seu propio traballo, coas súas accións pode construír un ben común e axudar a conseguir 'O mundo que queremos'".