A Fundación Galicia Obra Social, Afundación, pon en marcha, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas un amplo abano de actividades para conmemorar unha data emblemática para a cultura galega.
- Teatralización de Filgueira Valverde e o seu tempo
O Café Moderno Afundación acollerá desde o 15 ata o 31 de maio unha teatralización sobre a vida do intelectual homenaxeado este ano nas Letras Galegas destinada a que os máis pequenos coñezan as súas achegas á vida cultural galega. Ademais, a actividade incidirá na importancia da vila pontevedresa para Filgueira e tamén buscará presentar algún dos personaxes senlleiros da intelectualidade da época para reforzar o seu coñecemento por parte dos cativos. O interese desta proposta conduciu a que xa estean esgotadas todas prazas para poder participar.
Esta actividade busca traballar a convivencia interxeracional para fomentar, a través desta relación, a cultura e a aprendizaxe vital. Deste xeito, serán os propios integrantes do grupo de teatro do Centro de Maiores Afundación de Pontevedra os encargados de poñer en escena este proxecto.
- Móllate co galego
Con esta campaña de participación activa da cidadanía, Afundación quere contribuír a normalizar a lingua galega. A partir do luns 11 de maio todos os centros vinculados a esta entidade terán á disposición de quen queiran tomar parte nesta campaña unhas chapas que queren homenaxear a riqueza lingüística do galego mediante a alusión ás diferentes posibilidades dialectolóxicas da lingua. Así, tomando como referencia a chuvia, a campaña trata sobre as múltiples denominacións que este fenómeno recibe ao longo da xeografía galega. Para participar nesta campaña, ademais da creación da chapa co lema «Empápate co galego», haberá un vídeo promocional e e habilitarase un hashtag para fomentar a participación a través de Twitter.
- Obradoiro de cantigas e obradoiro de teatro
- Desde 3º de infantil a primaria
Unha das grandes paixóns de Filgueira Valverde foi a recuperación do cancioneiro popular galego, así que os rapaces e rapazas que se apunten a este obradoiro coñecerán de primeira man que é un cancioneiro, como se conforma e a que se dedica, para despois crear un propio, cantalo e bailalo. Esta actividade realizarase en todos os centros de Afundación ao longo do mes de maio.
- Taller de teatro Agromar.
- De 4º de primaria a ESO
Os personaxes da obra de teatro que propón Afundación como actividade nos seus centros son todos rapaces e rapazas, como invitación a que as novas xeracións se impliquen na promoción e normalización da lingua. Agromar preséntase como un canto de esperanza á mocidade que fala en galego e estrutúrase en cinco actos nos que todo o grupo escolar terá un papel asignado. Esta actividade desenvolverase en todos os centros de Afundación ao longo do mes de maio.
- Concerto das Letras
O Concerto das Letras, promovido polo Consello da Cultura Galega, celebra este ano a súa quinta edición coa figura de Filgueira Valverde como protagonista do recital que tera lugar o 16 de maio no Auditorio Sede Afundación Pontevedra e que correrá a cargo da Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave. O programa contará coa estrea dunha obra de encargo, sobre un poema de Filgueira Valverde, realizada por Xavier Paz. Soarán tamén cinco poemas de Cantares gallegos musicados polo compositor portugués Joly Braga Santos e catro cancións sobre textos de Curros Enríquez musicados por Xosé Castro, Chané.