Pontevedra sae ao rescate da cultura galega. Dentro das súas posibilidades e seguindo a recomendación de organismos como o Consello da Cultura Galega, o goberno municipal está traballando nun plan de relanzamento cultural da cidade tras o estado de alarma.
A partir das primeiras directrices do Goberno e pendentes dunha maior concreción, o Concello está a deseñar un plan que, se Pontevedra supera todas as fases da desescalada, permitiría retomar a actividade do Pazo da Cultura e do Teatro Principal o próximo 25 de maio.
Será, en todo caso, con restricións "moi importantes". O primeiro paso, sinala a edil de Cultura, Carmen Fouces, debe ser coñecer o aforamento permitido para os dous auditorios.
Este estudo poderá estar rematado ao longo da vindeira semana. Entre outras medidas, ante a obrigada redución de butacas nos espectáculos, as autoridades locais barallan a posibilidade de realizar distintos pases na mesma xornada para atender a demanda dos espectadores.
A intención do departamento municipal de Cultura é recuperar a programación que quedou en suspenso o pasado 14 de marzo, sempre na medida do posible, xa que algúns dos espectáculos previstos foron cancelados polas produtoras.
De feito, o Concello está disposto a asumir como propias certas propostas culturais que non estaban patrocinadas polo Pazo da Cultura, para que poidan ser representadas.
Ademais, Fouces adianta que, dentro deste plan de relanzamento cultural, Pontevedra crear unha programación durante todo o ano, a diferencia do que viña sucedendo anos atrás, nos que non se programaba no verán, para recuperar todos os contratos posibles.
A cultura, recorda a edil do BNG, é un dos sectores máis afectados pola crise sanitaria e económica que xerou a irrupción da COVID-19 nas nosas vidas.