Tres semanas de intensa actividade quedan atrás e este domingo 2 de abril o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra pechaba as súas portas ata que o de abril de 2018 volva encher o Pazo da Cultura de imaxinación, de libros e de pequenas cabezas soñadoras.
Este domingo celebrábase unha xornada de clausura conmemorando o Día Internaiconal do Libro Infantil e Xuvenil de forma especial. Ao longo destes 24 días, máis de 32.000 persoas pasáronse polo Pazo da Cultura e polo Bosque das Letras do Recinto Feiral. Máis de 16.000 destes visitantes eran escolares de centros de ensino de Galicia que querían coñecer ao lobo Orbil e o seu universo de letras.
Esta décimo oitava edición marcou un novo récord coa presenza de 50 centros que colaboraron cos seus traballos sobre a temática deste ano, 'O Mundo que Queremos'.
Durante esta xornada final, a escritora pontevedresa Fina Casalderrey foi a encargada da lectura da mensaxe que este ano corría por conta da sección IBBY-Rusia: 'Medremos co libro', do escritor Sergey Makhotin. Neste acto tamén participaba o escritor Xosé Antonio Perozo e serviu para homenaxear o traballo da escritora Ledicia Costas e do tradutor Ramón Nicolás, últimos autores que entraron na selecta listaxe de honra de IBBY Gálix. O autor de 'Escaquis e Romeu', Antonio Manuel Fraga recibía antes do evento unha caricatura do debuxante Kiko Dasilva.
Coa colaboración do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra desenvolveuse o espectáculo centra desta xornada de clausura do Salón, 'As portas de Escaquis', dirixido por Lucía Aldao e María Lado.
Montse Escudero, Servando Barreiro e Anxo Moure foron os encargados de pechar o Salón do Libro co contacontos musical 'Pandeiretas contra metralletas'. Tamén no Recinto Feiral, o arquitecto Román Corbato dirixía o derrubamento do muro que se construíra con caixas de cartón ao longo destas últimas semanas. O derrubamento deixou ao descuberto a mensaxe: "'Entre todos e todas construímos un mundo mellor".