A artista Sandra Dufayel, que expón desde o 6 de febreiro as súas fotografías na sala de exposicións da Xunta de Galicia en Pontevedra, recibiu desde este luns día 10 acusacións de plaxio relativas a varias das imaxes que integran a mostra. A artista Anna Iborra Shelly foi a que destapou a polémica ao asegurar que unha delas, na que se retrata un león, é da súa autoría. Horas despois, ao mediodía deste martes, a propia Dufayel decidiu retirar tres das pezas.
A valenciana Anna Iborra Shelly tivo coñecemento da exposición a través das imaxes publicadas en PontevedraViva (que foran facilitadas pola Xunta de Galicia) e, tras descubrir que unha das imaxes era súa e Dufayel a utilizara na mostra sen o seu permiso, fixo pública a situación, incluíndo enlaces ás súas galerías de imaxes con parte da súa obra.
A situación saltou a última hora deste luns e ao longo de toda a mañá deste martes a información divulgouse e as acusacións de plaxio expandíronse a máis imaxes, sen que se poida concretar a cantas. A medida que tivo máis información da exposición, a propia Anna Iborra asegurou que é súa non só a foto do León, senón varias máis.
Anna Iborra cualifica de "inaceptable" o sucedido e máis fotógrafos uníronse ás súas críticas tanto a través de Facebook e Twitter como poñéndose en contacto cos medios de comunicación. Un deles é Carlos Da Silva, que se presenta como director executivo de Chuo Cha Farasi Tanzania, unha escola fundada no ano 2004. Asegura que "muchas de las fotos que están viendo no son propiedad intelectual de la expositora" e que Sandra Dufayel "solo estuvo en Tanzania un mes, no tres" (como ela asegura na súa presentación).
A artista pediu a retirada de tres das obras ante a controversia, pero a exposición segue aberta
A controversia sobre a autoría das obras afecta, en firme, a tres das imaxes da mostra. Respecto diso, fontes da delegación territorial da Xunta explicaron que, tras conversar coa artista, "no día de hoxe (por este martes), a sala tivo coñecemento de posibles discrepancias sobre a titularidade dalgunha das obras que a artista expón na mostra".
A Xunta engade que dita controversia afectou "a un número limitado de obras" da exposición. En concreto, as pezas sobre as que hai acusacións de plaxio son as que se abordan a temática 'Africa' e a mostra complétase con outra serie de fotos agrupadas baixo o título 'Concepto'. En total, están expostas medio cento de fotos.
Foi a propia artista a que solicitou á sala de exposicións "prescindir das obras afectadas mentres se dilucidan as cuestións xurdidas". A Xunta non tomou ningunha determinación a maiores, senón que aplicou a que pediu Sandra Dufayel, "cuestión que se materializou co conseguinte axuste da proposta compositiva". Aclaran que é "competencia exclusiva" da artista determinar a proposta compositiva.
A exposición seguirá ata o día 27 e a autora ten un catálogo e obras á venda, entre as que se atopa a fotografía do león que levantou a polémica. Un grupo de profesionais que pertencen ao grupo 'Stop Cláusulas Abusivas a los fotógrafos' (que se fixo eco das críticas na súa páxina de facebook) achegouse na mañá deste martes á sala de exposicións para comprobar que obras había expostas. Segundo relataron, a do león xa non estaban nese momento, pero comprobaron que está á venda no catálogo por 70 euros. A raíz desta visita, as sospeitas sobre o plaxio de fotografías esténdese máis aló das tres pezas inicialmente retiradas.
A Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra anunciou este martes, xa pola tarde, e ante o caríz que están a tomar as críticas, que este mércores se celebrará unha reunión para analizar o futuro da exposición. Non se descarta que se opte por anular a mostra ou por retirar a parte relativa a 'África'.