'Acuarel', un álbum conceptual de jazz coas guitarras galegas de Rubén Reinaldo & Kely García

Pontevedra
28 de maio 2020

É o primeiro traballo discográfico destas características publicado en Galicia. O álbum, posto oficialmente á venda neste 2020, pode escoitarse a través do portal Bandcamp

Rubén Reinaldo & Kely García Guitarra Jazz Dúo
Rubén Reinaldo & Kely García Guitarra Jazz Dúo

Este 2020 saíu á luz 'Acuarel', un álbum de Rubén Reinaldo & Kely García Guitarra Jazz Dúo, un dueto de guitarras galego que publica o primeiro traballo discográfico conceptual elaborado na comunidade autónoma.

O vigués Rubén Reinaldo afirma que esta obra, que contén oito pezas de jazz instrumental, se presenta como "unha viaxe sonora a través da auga da nosa terra no que só interveñen dúas guitarras, e contra todo prognóstico está a ter realmente moi boa acollida". 

'Acuarel' chegou a chamar a atención de medios estadounidenses como o Central Valley Business Journal de California. A obra foi gravada polo selo discográfico galego especializado en jazz Free Code Jazz Records, fundado polo coñecido contrabaixista galego Paco Charlín, no ano 2006.

A obra publicouse en formato dixital e tamén en formato físico deluxe con libreto foto-biográfico e unha tarxeta exclusiva con código de descarga en calquera formato de audio e para a descarga dun libro oficial coas partituras.

' Acuarel' pódese escoitar a través do portal Bandcamp. Esta plataforma oficial permite escóitaa completa de maneira gratuíta por streaming e a compra tanto dixital como fisicamente (12,95 euros)  deste álbum, que tamén se pode adquirir por envío directo por correspondencia solicitándoo a través dos correos rubenreinaldovigo@gmail.comkelyg05@gmail.com