Actividades didácticas e culturais para poñer en valor o Tesouro de Caldas nos 80 anos do seu descubrimento

Umia
19 de decembro 2020

O vindeiro domingo cúmprense 80 anos do descubrimento do coñecido popularmente como o Tesouro de Caldas. É por iso que o Concello de Caldas de Reis vai desenvolver no ano 2021 un ciclo de accións educativas e culturais coas que divulgar e poñer en valor este conxunto de pezas de ouro da idade de bronce galaica

Tesouro de Caldas
Tesouro de Caldas / Deputación de Pontevedra

O vindeiro domingo cúmprense 80 anos do descubrimento do coñecido popularmente como o Tesouro de Caldas. É por iso que o Concello de Caldas de Reis vai desenvolver no ano 2021 un ciclo de accións educativas e culturais coas que divulgar e poñer en valor este conxunto de pezas de ouro da idade de bronce galaica. O Tesouro tamén se vai empregar en material e iniciativas de promoción turística co obxecto de facer del unha das imaxes que represente a Caldas como destino de interese patrimonial e histórico. As iniciativas con motivo do oitaséximo aniversario da aparición do Tesouro pretendíanse poñer en marcha durante este 2020 pero quedaron truncadas a causa da pandemia da covid.

O Tesouro de Caldas constitúe un fito no marco dos achados arqueolóxicos do norte peninsular. Trátase do tesouro de ouro máis importante da Península Ibérica e dun dos de maior relevancia en toda Europa polo seu peso. Os arqueólogos adoitan establecer a súa ocultación na fase final do bronce antigo, aproximadamente cara o ano 1.800 A.C. Como se vendeu parte dos obxectos que o conformaban, resulta imposible saber con exactitude a súa composición e peso orixinais, pero polas investigacións e declaracións dos descubridores calcúlase que podería estar formado por máis de 25 quilogramos de ouro dos que se conservan 14,9.

A aparición do Depósito das Silgadas o 20 de decembro de 1940 foi fortuíto e produciuse cando varios homes estaban colocando esteos para unha viña nunha parcela ao norte da Vila Termal. Ao facer os buratos na terra observouse que no ferro que se estaba a cravar saía un anaco de ouro. Ao escavar a zona apareceu o tesouro a tan só 20 centímetros de profundidade e directamente na terra, sen recipiente algún. Os descubridores decidiron calar o achado e proceder á súa venda aos poucos.

En xuño de 1941 foron descubertos pola Garda Civil que procedeu a requisar o tesouro que lles quedaba por vender e avisou aos expertos para a súa valoración. Neste contexto cobra importancia a figura de Fermín Bouza Brey, daquela comisario provincial de escavacións arqueolóxicas, que recoñeceu o valor histórico do conxunto e xunto co entón director do Museo de Pontevedra, Filgueira Valverde e o subdirector do Museo do Prado, Sánchez Cantón, realizaron xestións para que finalmente fose depositado no Museo de Pontevedra onde se atopa dende entón e non fose trasladado a Madrid. Precisamente, o peite do Tesouro serviu de inspiración para conformar unha parte da nova identidade corporativa e visual do museo.

Actualmente en Caldas existe unha fidedigna reprodución do Tesouro que foi impulsada por Xoan M. Domato baixo o patrocinio do Concello de Caldas de Reis a partir dos moldes cerámicos de Domingo Reboreda López, 'Dorelo'. O traballo realizouse nos talleres de xoiería Industrias San José de Vilagarcía baixo a dirección de José Luís Nogueira Rodríguez e está exposto no Auditorio Municipal.

O tesouro que hoxe se conserva está formado por catro tipos de obxectos: tres vasos ou xerras cunha asa, un peite con tres semicírculos, 31 lingotes anulares e 6 fragmentos que formarían parte dunha lámina de tiras. Ademais do seu incalculable valor patrimonial o conxunto é un sinal de identidade para Caldas de Reis e un orgullo para os caldenses.