O Salón de plenos do Pazo provincial da Deputación de Pontevedra acolleu este martes a oitava edición da entrega dos Premios María Luz Morais que entrega a Academia Galega do Audiovisual.
Son catro galardóns para os investigadores que presentaron os seus ensaios sobre o audiovisual a este certame cuxa organización se organiza cada ano de maneira rotatoria nas sedes das catro deputacións galegas.
Nesta edición, premiáronse dous videoensaios e dous ensaios escritos, que recibirán un trofeo e unha dotación económica de 1.200 euros cada un.
Na categoría de Mellor ensaio escrito sobre audiovisual galego, a obra gañadora foi "Desvelar o dispositivo: o río, a terra, a fábrica. Un achegamento ao potencial político da obra audiovisual de Carme Nogueira" de Breogán Xague.
O premio ao Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional foi para "Resurrección dixital e deepfakes. Os desafíos da intelixencia artificial nun audiovisual hiperreal" de Manuel Barreiro Rozados.
O xurado elixiu como Mellor videoensaio sobre o audiovisual galego o traballo "Galicia, paisaxe de sangue" de Juan Ares e galardoou como Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional a "A gran imaxe non ten forma. Apuntamentos sobre a creación de símbolos identitarios" de Víctor Soho.
Ademais, nesta edición, dúas obras foron recoñecidas con senllos accésit. Por unha banda, "Cinema con batuta. Aproximación á práctica da dirección orquestral a partir do seu tratamento no cinema de ficción" de Severiano Casalderrey, na categoría de Mellor ensaio sobre audiovisual internacional e, doutra banda, "Cold War: Unha historia de amor sintetizada"deRebeca Novo, na categoría de Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional.
A entrega de premios contou coa presenza de Álvaro Pérez Becerra e Carmen Méndez, en representación da Academia Galega do Audiovisual; César Fernández Gil, deputado de Cultura da Deputación de Ourense; Iria Castro Fernández, deputada responsable da área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo; Xosé Penas Corral, deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña; Jorge Cubela, deputado de Cultura e actuou como anfitrión Luís López, presidente da Deputación de Pontevedra.
Os premios levan o nome de María Luz Morales (A Coruña, 1889 – Barcelona, 1980), pioneira da crítica cinematográfica en España e figura destacada do xornalismo cultural do século XX. Morales comezou a súa actividade en 1924, asinando baixo un pseudónimo masculino, e chegou a ser a primeira muller en dirixir un xornal de ámbito nacional, La Vanguardia, durante a Guerra Civil Española