Abren as portas do Salón do Libro 2022, un oasis cultural para chamar á paz

12 de marzo 2022

A situación que se está a vivir en Ucraína tamén tivo repercusión nesta inauguración da 23 edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil cando o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores amosou o seu pesar pola barbarie e referiuse a este evento cultural como un "Oasis no medio". Neste acto de inicio tamén participaron o coro da Xunqueira I; Raquel Benítez; o Ballet de Galicia e a pianista Andrea García; ademais da concelleira de Cultura, Carme Fouces

Inauguración do Salón do Libro 2022
Inauguración do Salón do Libro 2022 / Mónica Patxot

Xa está en marcha a 23 edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. A cerva Clementina e a raposa Livia, de AldaoLado, acompañadas de músicos do Seminario Permanente de Jazz, abriron as portas dun dos eventos de referencia para o público infantil co seu espectáculo 'Salón de Marabillas Salvaxes'.

Carme Fouces, concelleira de Cultura, foi a encargada de manifestar a emoción de desenvolver este evento, que contará con disposición de capacidade plena dos espazos a pesar dos tempos "complicados" derivados da pandemia. Nieves Fernández, directora de Unesco Etxea, a continuación, agradeceu que o Salón centrase parte das súas propostas deste ano na cultura vasca.

O coro da Xunqueira I ofreceu varias pezas musicais coas súas magníficas interpretacións. Despois Raquel Benítez recitaba o poema Txoria Txori, unha obra dedicada aos paparroibos (txantxangorri) e, posteriormente, o  dantzari Isaak  Aramberri mostraba as súas habilidades sobre o escenario do auditorio do Pazo da Cultura neste acto inaugural. As actuacións continuaron co Ballet de Galicia e a pianista Andrea García.

O discurso inaugural do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores fixo referencia á situación actual que sofre a poboación en Ucraína e sinalou ao Salón do Libro como un "oasis" no medio dun conflito bélico. "A cultura é o que nos saca da barbarie e traerá paz e tranquilidade", manifestou. Tamén fixo referencia aos anos en que el acudía cos seus fillos e agora son os seus netos os que se achegan para gozar da programación do Salón. Fernández Lores destacou esta ampla traxectoria de 23 anos e relacionou o éxito pola aposta da organización aos profesionais de Galicia e polo apoio dos centros escolares, do profesorado e do público.

Para terminar a sesión o lobo Orbil bailou ao mesmo tempo que o público, cada espectador na súa butaca, e a mascota do Salón realizou unha foto de grupo cos asistentes.

Arquivado en