Abre as súas portas o Salón do Libro, dedicado ao cine, con Francia como país invitado e con máis de 300 actividades

Pontevedra
21 de marzo 2025
Actualizado: 6:44

Manuel Albariñas dirixe esta tarde o espectáculo de inauguración, titulado "Luces, cámara, acción... que ven o Salón!". Dará comezo ás 18.30 horas con entrada libre

Inauguración do Salón do Libro Infantil no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Inauguración do Salón do Libro Infantil no Pazo da Cultura de Pontevedra. /

Este venres abre as súas portas a edición número 26 do Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que estará dedicada ao cine, con Francia como país invitado, incluirá máis de 300 actividades para todos os públicos e celebrarase no Recinto Feiral e o Pazo da Cultura até o 6 de abril.

Manuel Albariñas dirixe esta tarde o espectáculo de inauguración, titulado "Luces, cámara, acción... que ven o Salón!".

Dará comezo ás 18.30 horas con entrada libre e contará con Xingro´s Big Band, o coro do IES Xunqueira 1, de Minúscula (Noela Hermida e Gabriel Bravo), Ares Caínzos, IES Illa de Ons, ESDEMGA e Mara Iglesias.

A programación do Salón do Libro deste ano gana en inclusividade. Así, ademais dos habituais intérpretes en lingua de signos, nesta ocasión entre as súas novidades incluirá máis publicacións en braille e disporá de pictogramas. Tamén haberá auriculares para redución de ruído para as persoas que os precisen e habilitarase un espazo tranquilo e outro de lactación.

Máis de 150 actividades serán en horario de mañá concertadas con centros de ensino de infantil, primaria e secundaria de preto de 40 centros colaboradores e tamén para os 70 colexios visitantes.

Polas tardes o programa crece, do mesmo xeito que as fins de semana, con outras 150 actividades que se estenderán a outros espazos como o Teatro Principal, a Libraría Paz, a Verbena Bar, o Mercado de Abastos ou o Pazo de Mugartegui.

O Salón celebrará o Día do Libro Infantil, o fallo dos Premios Lazarillo que por primeira vez será fóra do circuíto Madrid-Barcelona e festexará tamén con programación especial o Día da Narración Oral, do Teatro, das Artes Galegas, a chegada da primavera ou a eclipse de sol.

Haberá 17 exposicións e 14 espectáculos de estrea, moitos deles deseñados en exclusiva para o Salón, multitude de iniciativas dirixidas aos bebés e tamén para público adulto con coloquios con autoras como Ledicia Costas, Consuelo Vercher, as 'Soirée de poésie', un taller de danza Bretoa, os 'Contos da Revolución: de Neira Vilas a Brassens' e mesmo unha cata de viños na sede da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Esta edición terá tamén cambios na "loxística" pois se atenderán as peticións feitas polo público en anos anteriores para recolocar o escenario do Recinto Feiral, ampliar o espazo das merendas ou mellorar o dos contacontos, para que o Salón funcione mellor e o público que asiste estea máis cómodo.

O Salón contará este ano con moitas "visitas especiais" como a de Marceline Loup, a de Ponte nas ondas!, o Troca Libros, recibirá ás escolas de Ciencias da Educación de Galicia, ao IES Illa de Ons de Bueu co espectáculo 'Os Miserables', ao IES Val Inclán que vai representar co seu alumnado de francés 'Le Petit Prince', estarán Bibopalula, o Museo do Videoxogo MUVI, o Conservatorio de Música Manuel Quiroga, o coro García Limeses, os grupos do RockLab, a Orquestra Sinfónica, a Banda de Música de Pontevedra, entre outros invitados.