Abre as súas portas a Fundación Manuel Moldes cunha exposición antolóxica

Pontevedra
28 de novembro 2023

Dende o xoves 30 de novembro Pontevedra disporá dun novo espazo cultural en funcionamento ao servizo da sociedade

Manuel Moldes
Manuel Moldes / Mónica Patxot

Dende o xoves 30 de novembro Pontevedra disporá dun novo espazo cultural en funcionamento ao servizo da sociedade. 

A Fundación Manuel Moldes ocupará o oitavo andar do Edificio da Xunta na rúa Benito Corbal.

Este xoves, ás 17:30 horas, abre ás súas portas esta fundación cunha exposición de carácter antolóxico arredor da obra do pintor pontevedrés que, dende ese momento, terá un espazo público para atender ao seu legado artístico e cunha clara función de conservación da súa obra, tamén de exhibición e difusión.

Os responsables da Fundación Manuel Moldes tamén mostran "un claro interese por promover diferentes achegamentos a ese traballo a través de estudos ou análises que contribúan ao seu maior coñecemento".

A exposición, que estará aberta ata o 30 de marzo de 2024, propón un percorrido polos diferentes momentos de quen foi unha referencia plástica galega nas últimas décadas, ata o seu pasamento en 2017, amosando as diferentes posibilidades expresivas que se pode atopar un creador ao longo da súa vida no desexo irrenunciable de establecer un elo coa súa contorna dende o seu taller, situado xustamente fronte a este espazo.

O seu papel na revolución que significou ‘Atlántica’ nos contextos galego e español, a figuración dos oitenta, a exploración de novos territorios propostos en series como as dos Vieiros, os Links ou os encerados, os berros e as tensións fronte ás crises económicas e sociais que nos afectaron a comezos do século actual e a súa sensual recuperación da figura vencellada a unha natureza e a unha memoria íntima acubillada ás beiras do Lérez, protagonizan as diferentes pezas que configuran esta mostra, algunhas delas pouco coñecidas e outras restauradas para a ocasión.

Ademais das dúas salas que amosarán a súa obra, a Fundación Moldes tamén presenta diferentes espazos para a perfecta conservación das diferentes pezas de Manuel Moldes, tanto obras de gran formato como obras en papel ou gravados.

Unha vez que remate o tempo desta exposición unha desas salas amosará de xeito permanente a obra de Manuel Moldes, coa posibilidade de ir modificando as obras alí presentes, mentres que a outra sala preténdese que acolla a obra doutros artistas que teñan así a posibilidade de amosar a súa obra nun espazo axeitado, tendo especial interese pola exhibición da obra de novos creadores, incidindo así no forte vencello que Manuel Moldes tivo sempre coa mocidade dende o seu papel de mestre na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

Na fin de semana, e aproveitando a celebración en Pontevedra do Culturgal, procederase a presentar a Fundación Manuel Moldes, así como os seus fins e próximos proxectos, emitíndose un vídeo das instalacións realizado por Marcos Portela, quen xa asinou outros traballos audiovisuais arredor do pintor.

A exposición poderase visitar en horario: Xoves e venres de 18 a 21 horas, e os sábados de 12 a 14 horas e de 18 a 21 horas.