Aberto o prazo para presentar escritas á cuarta edición do Premio María Victoria Moreno de literatura xuvenil

Pontevedra
01 de maio 2021

Desde este sábado 1 de maio ata o 30 de xuño poden presentarse orixinais que non superen os 250.000 caracteres, en formato PDF, gravados nun CD ou nunha memoria externa. A obra gañadora será premiada coa publicación do libro e 4.000 euros que concede o Concello de Pontevedra. Este venres presentábase a convocatoria no Salón do Libro

Presentación da IV edicion do Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil
Presentación da IV edicion do Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil / Mónica Patxot

Este venres presentábase durante a programación do Salón do Libro no Pazo da Cultura a cuarta edición do Premio María Vitoria Morena de Literatura  Xuvenil, convocado pola editorial Cuarto de Inverno. 

Carmen Fouces, concelleira de Cultura, acompañada por Andrea Jamardo, de Cuarto de Inverno e por Luz Gallego 'Nenuca' da Libraría Seijas, integrante do xurado, avanzaban algunhas das características deste certame que permite visibilizar o ámbito da literatura xuvenil, que adoita quedar sempre nun segundo plano tras a literatura infantil.

A representante da editorial Cuarto de Inverno lembrou que desde o 1 de maio xa se poden presentar os textos ata o 30 de xuño. As obras deberán ser inéditas e redactadas en lingua galega cunha extensión máxima de 250.000 caracteres. Os  orginales deberán presentarse en formato PDF gravados nun CD ou nunha memoria externa, maquetados en DIN-A4 con letra Times ou semellante de corpo 12 a dobre espazo.

Nun sobre conterase a identidade da persoa autora e o título definitivo da obra, facendo constar no exterior IV premio de literatura Xuvenil María Vitoria Moreno e o título ou o lema. Os orixinais terán que remitirse ao Pazo da Cultura. O fallo do xurado coñecerase no mes de setembro e a obra será premiada coa publicación e 4.000 euros que concede o Concello de Pontevedra.

Andrea Jamardo afirmou que cada ano reciben máis orixinais e todos con moi boa calidade literaria. A última gañadora foi Lorena Conde, unha pontevedresa que fora alumna de María Vitoria Moreno que, segundo manifestaba a editora, "estaría contenta co premio pola homenaxe que supón pero tamén polo coidado do libro en si".

Luz Gallego tamén lembrou á autora que dá nome ao premio, da que foi alumna, veciña e amiga esta integrante do xurado que tamén destacou a calidade das obras que se presentaron na anterior edición, marcada polos meses de confinamento. Por último, Carmen Fouces animou á participación de todas aquelas persoas interesadas na literatura xuvenil e apuntou que en caso de non gañar este ano haberá próximas edicións para tentar optar ao premio.

Arquivado en