Aberto o prazo para artistas noveis que queiran participar en Novos Valores 2023

Pontevedra
09 de maio 2023

Seleccionarase un máximo de 25 pezas e as catro mellores obras serán premiadas con catro bolsas de 7.500 euros para que as persoas autoras amplíen a súa formación artística

 'Novos Valores 2022'
'Novos Valores 2022' / Mónica Patxot

O Museo de Pontevedra abre o prazo para presentar obras ao Certame de Artes Plásticas Novos Valores, que ten como obxectivo promover a formación de artistas noveis. 

Nesta xornada publicáronse as bases no Boletín Oficial dá Provincia, que establece cinco días hábiles desde este mércores 10 de maio para presentar solicitudes.

Con estes premios Novos Valores, a Deputación de Pontevedra destaca obras e méritos artísticos excepcionais dentro das categorías de pintura, escultura, debuxo, deseño, gravado, fotografía, cerámica e vídeo creación, entre outras opcións.

Poderá participar calquera persoa, natural ou residente en Galicia, con idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos na data de presentación da solicitude. As obras deben ser orixinais e inéditas, unha por artista e cunhas características de volume, dimensión e duración específicas, segundo figura nas bases.

O xurado seleccionará un máximo de 25 obras, que formarán parte da mostra que se desenvolverá no Edificio Castelao do Museo entre o 13 de xullo e o 17 de setembro de 2023. 

As persoas premiadas recibirán catro bolsas, cada unha por un importe de 7.500 euros brutos, para que amplíen a súa formación artística.

NOVIDADE NAS PRESENTACIÓNS

Nesta ocasión establécese unha novidade respecto a anteriores convocatorias para garantir o total anonimato das persoas participantes. Desta forma, as presentacións das propostas técnicas de cada artista deberán realizarse a través dunha oficina de asistencia en materia de rexistros da Deputación de Pontevedra e non a través da sede electrónica, que require a identificación das persoas interesadas.

O procedemento de participación consta de catro fases: a primeira consiste na presentación de solicitudes; a segunda céntrase na selección de propostas para pasar á presentación das obras seleccionadas e, finalmente, conclúese coa concesión das bolsas. A cada solicitude de participación asígnaselle un código de preinscrición.

A fase primeira realizarase preferentemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado da Sede electrónica da Deputación de Pontevedra. O formulario deberá presentarse no prazo de cinco días hábiles desde este 10 de maio.

As persoas que reúnan os requisitos esixidos recibirán un correo electrónico co código asignado á súa obra e o modelo anonimizado necesario para presentar a proposta técnica.

A persoa solicitante deberá achegar un avance da súa obra entre o 22 e o 26 de maio cun modelo de presentación; ata cinco fotografas da creación; unha memoria da obra presentada coa ficha técnica e a descrición; un dossier sobre a traxectoria artística; e a presentación da finalidade ou destino formativo polo que se demanda a bolsa.

O xurado poderá declarar deserto calquera dos premios se considera que as obras non reúnen os méritos suficientes para recibir o financiamento económico.