Aberta no Edificio Castelao a mostra que recolle unha escolma de 'O Museo en Camiño, volta á ruta'

Pontevedra
27 de outubro 2022

O primeiro andar do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acolle desde este xoves 27 e durante un mes a exposición didáctica que ofrece un resumo do traballo realizado ao longo de dous meses con familias e profesorado

José Manuel Rey, director do Museo de Pontevedra, coas promotoras de 'O Museo en Camiño'
José Manuel Rey, director do Museo de Pontevedra, coas promotoras de 'O Museo en Camiño' / Museo de Pontevedra - Deputación de Pontevedra

O primeiro andar do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acolle desde este xoves 27 e durante un mes a exposición didáctica que ofrece un resumo do traballo que se executou co proxecto denominado 'O Museo en Camiño, volta á ruta', que se desenvolveu ao longo de dous meses para trasladar ao alumnado de Primaria e ás súas familias datos sobre o patrimonio que contén o Museo de Pontevedra en relación co Camiño de Santiago.

Ao longo da exposición obsérvanse as creacións elaboradas nos obradoiros familiares realizados en outubro no Museo coa participación de oitenta persoas e tamén material didáctico que o profesorado e as familias utilizaron nas actividades realizadas nos centros educativos que se atopan no roteiro do Camiño Portugués.

Taller Abierto e Paspallás son os colectivos que colaboran co Museo de Pontevedra para montar esta iniciativa que forma parte do Programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.

A través de tres fases formadas por un programa didáctico itinerante, un conxunto de talleres de arte experimental e esta exposición, o programa moveuse por municipios como Barro, Catoira, Ponte Sampaio, Pontecesures e Cesantes. Un total de 170 estudantes de primeiro e segundo de Educación coñeceron a través de Raquel Queizás a colección do Museo.