A Xunta ultima os traballos para declarar ben de interese cultural o xacemento do Adro Vello

O Salnés
03 de febreiro 2021

Os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural remitirán ao longo deste mes de febreiro o informe. O conxunto quedará inmediatamente protexido cando se publique a resolución de incoación no Diario Oficial de Galiciadiv>  

Adro Vello O Grove
Adro Vello O Grove / Turismo Galicia
A Xunta ultima os traballos para declarar ben de interese cultural o xacemento do adro vello. Os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural remitirán ao longo deste mes de febreiro o informe aos órganos asesores para a súa afirmación. O conxunto quedará inmediatamente protexido cando se publique a resolución de incoación no Diario Oficial de Galicia.
 
A entidade está a ultimar os trámites que permitirán comezar o expediente para declarar Ben de Interese Cultural o Adro Vello, un xacemento arqueolóxico ubicado ao bordo da praia do Carreiro, na parroquia de San Vicente, fortemente vinculado á tradición xacobea. Hai un ano o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou o inicio dos traballos previos necesarios para proceder a declaralo Ben de Interese Cultural.
 
Os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural están xa rematando o informe, que será remitido aos órganos asesores co fin de que avalíen a posibilidade de considerar este xacemento como ben sobranceiro para o patrimonio cultural de Galicia e, polo tanto, a súa declaración como Ben de Interese Cultural. 
 
Deste xeito completaranse os trámites regulados, e unha vez se reciba o informe e se os órganos asesores así o ditaminan, procederase a tramitar a publicación no Diario Oficial de Galicia para declarar Ben de Interese Cultural o Adro Vello. Isto suporá a súa protección inmediata ata a súa declaración definitiva.
 
Esta decisión reflicte o importante compromiso do Goberno galego por protexer, conservar e poñer en valor o patrimonio sobranceiro da Comunidade, como tamén o demostran os 70 bens que foron declarados de Interese Cultural desde a entrada en vigor daLei de Patrimonio Cultural de 2016, acadando Galicia un total de 746 Bens de Interese Cultural. 
 
O xacemento é un punto estratéxico da tradición xacobea que foi obxecto de varias actuacións arqueolóxicas de escavación entre 1983 a 1990, baixo a dirección de José Carro Otero. Con posterioridade, fixéronse diversos proxectos de limpeza, consolidación e mantemento dos restos postos ao descuberto. Nos últimos quince anos, diversas administracións traballaron no seu mantemento, limpeza e posta en valor. O xacemento esténdese por debaixo da estrada, e non esta previsto continuar as escavacións no momento actual, senón continuar cos labores de conservación e posta en valor. 
 
Trátase dun xacemento complexo, onde se constata unha ocupación desde a época romana ata o século XVIII. Entre os restos atopados destacan a factoría de salgadura dos séculos I-III, a vila romana (III e IV d.C.); a necrópole, que abrangue desde a época tardorromana até a Idade Moderna; unha igrexa do século VII e unha torre defensiva medieval.