A Consellería de Cultura da Xunta deu a coñecer o calendario de feiras do libro que organizará tanto en Galicia como no exterior ao longo deste ano 2017 e, entre elas, non figura ningunha en Pontevedra. Este dato confirma que a cidade do Lérez non terá este ano Feira do Libro como é habitual, nin a súa edición centrada no libro novo nin a de antigo e de ocasión.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, a presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez, o vicepresidente da Asociación Galega de Editoras, Henrique Alvarellos, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentaron un programa de actividades que entre os meses de marzo e de agosto levará as feiras do libro de Galicia aos concellos de Verín, Ferrol, Santiago de Compostela, O Porriño, Lugo, Ourense, Redondela, Ribeira, Vigo, Rianxo, Mondoñedo, Ponteareas, A Coruña, Viveiro, Foz e Monforte de Lemos
Galicia contará este ano cun total de 16 feiras do libro novo, a cifra máis elevada da última década, dúas máis das organizadas en 2016. Como novidade respecto de 2016, as Feiras do Libro de Galicia van chegar este ano aos concellos de Verín, de Mondoñedo e de Ponteareas, mentres que "a cidade de Pontevedra non se incorpora ao circuíto", confirma a Xunta.
A Federación de Librarías de Galicia explica que a tendencia que ofrecen os datos nestas citas co libro, a literatura e a lectura é positiva. En concreto, respecto a 2015, no 2016 houbo un aumento dun 43% nas actividades realizadas entre presentacións de libros, sinaturas, eventos infantís e outras actividades culturais complementarias.
Ademais, de 2015 a 2016, pasouse de 202 a 213 librarías e entidades participantes e de 863 a 926 profesionais involucrados.