A Xunta acolle as mostras fotográficas 'África' e 'Concepto' de Sandra Dufayel

Pontevedra
05 de febreiro 2014

Permanecerá aberta ata o próximo 27 de febreiro en horario de mañá. A artista silledense conxuga dúas coleccións de obras moi diferentes entre si, apostando nunha delas pola beleza existente e na outra pola verdade metafórica oculta

A sala de exposición do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra acolle desde este xoves, día 6 de febreiro, as mostras fotográficas "África"  e "Concepto" da artista silledense Sandra Dufayel.

Nesta exposición conxuga dúas coleccións de fotografía moi diferentes entre si. Por un lado as obras baixo o título "África", na que podemos acercarnos a algunhas das paisaxes, costumes e xente deste continente no que a artista viviu durante tres meses. Por outra banda, "Concepto", que establece o inicio dunha viaxe a través das metáforas visuais. En palabras da propia artista, "África é a beleza existente o que Concepto é á verdade metafórica oculta".

En relación as fotografías de "África", a artista destaca que xurdiron despois de que quedaran fixadas no seu obxectivo moitas experiencias que se vestiron coas cores das telas e roupas das súas xentes, os sons ou as paisaxes da súa natureza, as sensacións das costumes e modos de vida ou as diferenzas que existen entre ese mundo e Europa.

En "Concepto, oda ás cubetas e ao bromuro de prata", a fotógrafa de Silleda trata de ir máis alá da propia imaxe visual, recollendo visións sobre aspectos intrínsecos do ser, tales como os conceptos absolutos do amor, da mentira ou da dor.

A propia Sandra Dufayel afirma que "a meta desta serie de imaxes podería ser un pouco utópica se así o queremos ver: mellorar o xeito de enfrontarnos ou de estar no mundo a través do análise exhaustivo do que está en nós. Deste xeito, en 'Concepto' intento fuxir da simple imitación perfecta do real".

"Admiro", engade, "as capacidades das imaxes no sentido paradigmático das mesmas: alcanzar, capturar e regalar aquelas formas de percibir que se lle escapan á retina e que son máis propias dunha mentira pactada coa consciencia".

A artista insiste en que no pretende reflexar sen máis unha imaxe espectacular por fermosa que sexa. "non busco a captación da beleza superflua, senón que aposto pola sanación dos delirios do mundo a través da posible interpretación".

A exposición de Sandra Dufayel permanecerá aberta na sala de exposicións da Delegación Territorial ata o próximo 27 de febreiro en horario de 9 a 14 horas da mañá de luns a sábado.