A "voz presente" de Ricardo Carvalho Calero chega a Pontevedra

Pontevedra
18 de outubro 2020

A mostra itinerante Carvalho Calero. A voz presente, impulsada pola Xunta de Galicia con motivo do Día das Letras Galegas 2020, chegará esta semana a Pontevedra.  Estará instalada a partir do próximo martes 20 de outubro na biblioteca pública de Pontevedra, onde se poderá visitar ata o 3 de novembro

Presentación en Santiago da mostra "Carvalho Calero. A voz presente"
Presentación en Santiago da mostra "Carvalho Calero. A voz presente" / Xunta de Galicia

A mostra itinerante Carvalho Calero. A voz presente, impulsada pola Xunta de Galicia con motivo do Día das Letras Galegas 2020, chegará esta semana a Pontevedra

Estará instalada a partir do próximo martes 20 de outubro na biblioteca pública de Pontevedra, onde se poderá visitar ata o 3 de novembro. A continuación, irá a Ourense.

O proxecto expositivo ten como comisarios aos profesores Carlos Quiroga e Xosé Luís Rodríguez, co obxectivo de difundir e poñer en valor as dimensións artística, humana e intelectual do autor a quen se lle dedican neste ano as Letras Galegas.

Carvalho Calero. A voz presenteconfigúrase arredor dunha ducia de paneis, un audiovisual e un díptico explicativo, reformulado en código QR para adaptalo ás medidas de seguridade sanitaria e protocolos derivados da crise da covid-19.

Cinco dos paneis presentan unha liña do tempo con datos relativos ao percorrido vital do autor, os espazos onde este se desenvolveu, as circunstancias políticas que o rodearon e a súa obra. A continuación, outros cinco céntranse en aspectos da súa figura e do seu legado.

O primeiro deles aborda o seu traballo como filólogo e divulgador, tanto da literatura como da lingua galega. O segundo ocúpase da súa faceta de creador literario. O terceiro, analiza a súa relación con Ferrol, Lugo e Santiago; o cuarto, ocúpase da súa posición sobre a ortografía do galego e o último mostra a súa actitude vital independente, crítica e comprometida 

Tal e como o título da exposición indica, procurouse que fose o propio autor homenaxeado quen -a través de citas de obras literarias, artigos ou entrevistas concedidas- falase directamente de si mesmo e da súa obra.