O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurou este venres 21 a exposición temporal do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro. Unha mostra que ofrece unha viaxe experimental e participativa pola paisaxe e a vida cotiá dos primeiros homes, creadores de petróglifos.
A exposición inclúe 12 paneis de gran formato acompañados dunha vitrina na que se incorporan réplicas obtidas a partir da arqueoloxía experimental, así como un pequeno audiovisual no que se recollen as actividades realizadas ao longo de 2013 e 2014, dun xeito didáctico, lúdico e participativo, englobadas no proxecto europeo Gestart, que contempla a colaboración entre artistas, artesáns e especialistas en arte prehistórica en distintos espazos.
O acto de inauguración contou coas novas mascotas do parque, tres personaxes que serán os encargados de achegar aos escolares e ao público familiar a arte rupestre de forma divertida. Trátase dun vello sabio da comunidade, un neno que quere ser guerreiro e Ethur, o cervo, señor do bosque, protagonista de moitas das historias que se contan no parque.