A Universidade de Vigo programa tres concertos no Teatro Principal, gratuítos e abertos a toda a cidadanía

Pontevedra
10 de setembro 2024

O mércores 18 de setembro, actuará 'Mediarea', o 16 de outubro 'Flow de toxo' e o 4 de novembro actuarán os integrantes do Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso coa súa Big band e o coro

Demetrio Gómez, Eva Lantarón e Luis Torres
Demetrio Gómez, Eva Lantarón e Luis Torres / PontevedraViva

A Vicerrectoría do Campus de Pontevedra presentou este martes o ciclo 'Música para reCrear', un programa de tres concertos, todos eles no Teatro Principal ás 20:30 horas e ademais "gratuítos e abertos a toda a cidadanía".

O mércores 18 de setembro, actuará 'Mediarea', o 16 de outubro 'Flow de toxo' e o 4 de novembro actuarán os integrantes do Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso coa súa Big band e o coro.

Segundo informou ao director de Área de Cultura da Vicerrectoría do Campus de Pontevedra, Luís Torres, o grupo morrancense de folk 'Mediarea' acaba de estrear o seu primeiro álbum ofrecendo unha proposta festiva, coherente e de calidade, ben enraizada na música tradicional pero coa vista posta no horizonte. 

'Flow de toxo' é un grupo musical con base no rap que fusiona diversos xéneros musicais e instrumentos tradicionais galegos que dan como resultado un estilo moi bailable e divertido cun punto forte de reivindicación e protesta. Na súa música tratan temas como a defensa do rural, o feminismo ou a loita contra o patriarcado.

O Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso naceu da demanda do colectivo de músicos estradenses por alcanzar unha formación en música moderna que deu comezo no ano 2009 da man do mestre Carlos Barruso. O obxectivo deste taller é darlle continuidade ao labor de Carlos Barruso, como unha maneira de reivindicar o legado musical que deixou latente nos seus alumnos, moitos deles, agora titulados en grao superior de música moderna. 

A vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva Lantarón agradeceu a colaboración co Concello nesta actividade enmarcada no convenio subscrito entre ambas as institucións ata 2027 un horizonte co que "temos garantida esta programación ano tras ano e iso nos dá a nós moita seguridade para ir traballando con tempo", dixo.

Eva Lantarón lembrou que o Campus CREA achega maior singularidade e especialización ao campus de Pontevedra, transformándoo nun ecosistema dinámico conectado coa contorna, que dota de identidade ás diferentes áreas de coñecemento vinculadas coa creatividade que están presentes a cidade do Lérez: arte, deseño, comunicación, educación e publicidade.

Ademais animou a toda a cidadanía a asistir a estes concertos que "están destinados a todo o público, non só a comunidade universitaria" e cos que se pretende "poñer en valor a música da nosa terra" nun programa "atractivo porque hai diferentes tipos e xéneros de música".

Eva Lantarón tamén instou a cidadanía para seguir os perfís nas redes sociais da vicerrectoría e do campus de Pontevedra para estar ao tanto das actividades e coñecer toda a programación que se realizará ao longo do curso con "ciclos de cinema, de música, de contacontos, así como talleres, etcétera".

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez sinalou que "é un privilexio que en Pontevedra podamos ter o campus de Pontevedra da Universidade de Vigo programando no Teatro Principal actividades para toda a veciñanza". Unha actividade que entende como "un punto de encontro" entre o alumnado e o resto da cidadanía "e neste caso, ao redor da música".
Demetrio Gómez celebrou que a Boa Vila sexa "unha cidade moi viva, onde hai moitos axentes programando" actividades de todo tipo. E para todos eles, apuntou "as instalacións municipais están abertas".