O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistirá á proxección do documental "A parroquia do Alén", dirixido e guionizado polo antropólogo Rafael Quintía Pereira, e que terá lugar este venres día 22 de abril ás 18:30 horas no salón de actos da UNED en Pontevedra.
Esta iniciativa divulgativa enmárcase dentro do programa deseñado polo Departamento de Extensión Universitaria e Actividades Culturais, que coordina Rafael Cotelo Pazos, e que neste caso céntrase en mostrar unha visión diferente do fenómeno da morte tratado desde a perspectiva etnográfica a través da participación de antropólogos, historiadores, sacerdotes, unha médico forense, unha psiquiatra e moitos informantes que achegan os seus testemuños sobre as súas crenzas e experiencias persoais.
O documental contará coa presentación do director e guionista do mesmo, Rafael Quintía Pereira, quen se refire á película sobre como "unha ollada etnográfica aos diferentes aspectos que configuran a cultura da morte en Galicia. Unha película que fai un percorrido polas diferentes crenzas, tradicións e ritos que configuran a nosa particular maneira de relacionarnos coa morte e os mortos. Un rigoroso percorrido antropolóxico por un dos aspectos máis destacados e identificables da cultura e sociedade tradicional galega: a súa particular forma de relacionarse coa morte, de integrala na súa vida e a relación de axuda mutua que se establece entre a parroquia dos vivos e a parroquia de defuntos".
Este documental está realizado pola empresa cultural "Ab origine. Antropoloxía, Produción e Xestión Cultural SLL" e conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través do Fondo Xacobeo de Proxectos Culturais 21-22.
A asistencia é gratuíta, pero os interesados en acudir como público deberán formalizar a súa inscrición a través da web da UNED en Pontevedra.