A toda máquina con Orbil cara o Salón do Libro Infantil e Xuvenil

Pontevedra
21 de febreiro 2013

Do 2 ao 23 de marzo no Pazo da Cultura celebrarase a XIV edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil que ve reducido o seu orzamento e a súa duración nunha semana pero manterá o seu dinamismo con preto de 100 actividades

Presentación da XIV edición do Salón do Libro
Presentación da XIV edición do Salón do Libro / PontevedraViva

A crise tamén afecta ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, un evento cultural e literario referente para toda a península. Na edición deste ano, a décimo cuarta, a organización ten que reducir o orzamento de 100 mil euros a arredor de 80 mil e eliminar sete días de actividades. Non obstante, durante as tres semanas que vai durar o Salón están previstas preto de cen actividades para todas as idades e públicos.

Agárdase que durante o transcurso asistan polo Pazo da Cultura nunha edición que conta coa novidade de que o Salón abrirá as súas portas tamén os domingos pola tarde. Este ano ao estar dedicado ás máquinas haberá un espazo Wii con consolas e videoxogos educativos e didácticos. As Tardes na Sala ofrecerán ademais das sesións de contacontos e títeres habituais unha selección de obradoiros en aberto para fomentar a participación dos nenos e dos seus acompañantes.

As primeiras actividades van desenvolverse xa esta semana. Mañá, venres 22, a mascota do Salón, o Lobo Orbil viaxará nun tren a Santiago onde vai achegarse a visitar centros de ensino e o centro histórico de Santiago. Pola tarde, os Bolechas farán un percorrido polas rúas do casco histórico e será o sábado cando a compañía Fantoches Baj cos seus particulares vehículos circularán polas rúas do centro histórico.

Do 2 ao 23 de marzo, o Salón acollerá catro obras teatrais, a primeira será o 13 de marzo da man de Baobab Teatro, a quen a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, felicitou á compañía de Andrea Bayer por ser candidata aos premios Max. Ademais, durante estas tres semanas, haberá numerosas exposicións, percorridos por Pontevedra e obradoiros para diferentes idades coa intención de que se fomente a lectura... a toda máquina!