A Sociedade Filarmónica de Pontevedra suspende os seus concertos de novembro

Pontevedra
26 de outubro 2020

O principal motivo é a situación actual da pandemia, cun forte repunte de casos de covid. A esta razón únese a restrición da Xunta de Galicia, que limita a un máximo de 60 persoas o aforo en recintos pechados, polo que continuar coa programación faise inviable

Un dos concertos da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra
Un dos concertos da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra / Sociedad Filarmónica de Pontevedra

A Xunta Directiva da Sociedade Filarmónica de Pontevedra acordou suspender os tres concertos que tiña programados para o mes de novembro.

O principal motivo é a situación actual da pandemia, cun forte repunte de casos de covid. A esta razón únese a restrición da Xunta de Galicia, que limita a un máximo de 60 persoas o aforo en recintos pechados, polo que continuar coa programación faise inviable.

De momento, suspéndense os tres concertos que estaban programados para novembro. O primeiro deles, e que serviría para abrir a tempada 2020-2021,estaba sinalado para o mércores 4 e ía estar a cargo do dúo formado polo violinista Massimo Spadano e o pianista Iván Martín.

Os días 13 e 14, venres e sábado, sería a quenda para o dúo formado pola violonchelista Beatriz Blanco e o pianista Federico Bosco, en dous concertos nos que se interpretaría a integral da obra para violoncelo e piano de Beethoven.

A intención da Xunta Directiva da Sociedade é tratar de programar de novo estes concertos para o primeiro trimestre da tempada 2021-2022.

A Sociedade Filarmónica de Pontevedra, que en 2021 cumpre 100 anos, informa que de momento segue a manter o resto da programación da tempada, pero sempre dependendo da evolución da pandemia.

Entre os concertos programados, destaca o que ofrecerá no mes de marzo a Orquestra Sinfónica de Galicia e que servirá para conmemorar o centenario da fundación da Sociedade.

Outros concertos destacados son o do tenor Manuel Gómez Ruiz acompañado polo pianista Antonio Galera, o dos cuartetos de corda Quiroga e Ardeo, o da Real Filharmonía de Galicia, o da pianista Judith Jáuregui, o do grupo  Ensemble Praeteritum e o da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra. Estes tres últimos son os que se tiveron que suspender a tempada pasada con motivo do confinamento.

Mentres dure esta situación, a Sociedade Filarmónica comunica aos seus socios que non se pasará a cobranza dos recibos das súas cotas.