Os últimos compases do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra tiñan reservada unha gran sorpresa ao público. Veu da man do Mago Teto que, acompañado pola música da Banda de Salcedo, estreou o seu novo espectáculo, Sinfonía máxica.
Dirixido a toda a familia, este espectáculo ofreceu ata quince números máxicos, que estiveron ambientados coa música en directo do medio cento de intérpretes da banda pontevedresa.
Entre ambos, levaron os espectadores a un mundo de música e ilusións, onde todo foi posible menos o aburrimento.
O Mago Teto ten máis de trinta anos de traxectoria ás súas costas, o que o converteu nun dos ilusionistas máis veteranos e relevantes en Galicia, combinando música en directo con maxia.
Con Sinfonía máxica volveu a esa combinación, despregando no escenario o talento dun gran número de intérpretes para facer gozar ao público dun dos magos máis talentosos do país.