A sexta Revolta do Umia contará con Ortiga, Monoulious Dop, Eladio y los seres queridos ou Igloo

Umia
16 de marzo 2023

Ata dezasete bandas e artistas integran o cartel da sexta edición do festival A Revolta do Umia, que se celebrará no lugar de Vilar de Mato, en Cuntis, os días 25 e 26 de agosto

Concerto de Eladio y los Seres Queridos no Galegote 2022
Concerto de Eladio y los Seres Queridos no Galegote 2022 /

Ata dezasete bandas e artistas integran o cartel da sexta edición do festival A Revolta do Umia, que se celebrará no lugar de Vilar de Mato, en Cuntis, os días 25 e 26 de agosto.

Como é habitual, a organización apostará pola pluralidade e a diversidade de estilos, que van desde o rock, o punk-rock ou o shoegaze ata a cumbia, a electrónica ou o metal alternativo. Farao ademais mesturando artistas de gran percorrido con bandas emerxentes.

Así, os cabezas de cartel deste ano serán Ortiga, Eladio y los seres queridos, Igloo ou Monoulious Dop, segundo confirmou este xoves o festival.

A eles sumaranse Loita Amada, Mundo prestigio, Fillas de Casandra, Solar Corona, Aphonnic, Dani, Gator the Alligator, Dharmacide, Copa Turbo, La Duendeneta e Xaby DJ.

Entre as bandas que formarán parte da cita musical haberá representación local con Pants Off, da Estrada, e Bellvitge, que conta con membros da localidade cuntiense.

Entre as novidades e sorpresas que prepara a organización, a sesión vermú deste ano contará co concerto de dous grupos e cunha sesión DJ de La Duendeneta.

Os abonos poden adquirirse na web oficial do festival http://arevoltadoumia.gal e, nesta ocasión, recuperarase tamén o formato físico de entradas, que estarán dispoñibles en varios locais de toda Galicia.